Naturgy investiu 618 millóns de euros en cinco anos en dixitalización

xoves, 2 de marzo do 2023 S. P.

UFD, a distribuidora eléctrica do grupo de orixe galega Naturgy, fixo balance dos esforzos levados a cabo pola empresa ao longo do último lustro en materia de transformación tecnolóxica. Segundo fixo saber Naturgy, a distribuidora investiu máis de 618 millóns de euros nos últimos cinco anos para mellorar a súa calidade servizo e reforzar as súas infraestruturas en Galicia. Os investimentos realizados centráronse en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministro, no telecontrol e sensórica das redes, e no fortalecemento das infraestruturas, co obxectivo de integrar o incremento da xeración renovable.
O balance comeza poñendo o foco en 2022, un ano crucial neste proceso, cando a compañía adicou 138 millóns de euros aos devanditos obxectivos, dos que 17 millóns foron destinados expresamente á dixitalización e automatización da rede, con proxectos de supervisión avanzada en baixa tensión, actuacións en media e alta tensión, ciberseguridade e xestión avanzada de activos, entre outros.
As contías destinadas a sensórica e dixitalización das súas infraestruturas permitiron a mellora da calidade da subministración eléctrica. O indicador que mide a calidade da subministración eléctrica, o tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI), sinala que a interrupción media do servizo foi de 54,8 minutos durante o ano pasado, cunha mellora do 21% nos últimos cinco anos.
Segundo a directora de Redes Electricidade España de Naturgy, Mónica Puente, “grazas ao gran esforzo investidor que fixemos para reforzar, tecnificar e dixitalizar a rede, a nosa compañía ten un índice de calidade de fornecemento de servizo que se sitúa á cabeza en España; de feito, cidades onde distribuímos, como Madrid ou A Coruña, son as que teñen mellor calidade de subministración en todo o país”.