Netflix comeza a bloquear accesos a Netflix dende fóra do fogar

xoves, 16 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Tras varios avisos, e a impresión de que Netflix non ía ser moi ríxida coas ameazas de bloqueo de accesos de usuarios dende fóra do fogar principal, para por coto ás contas compartidas irregulares, comezan os bloqueos efectivos en España, e moitos usuarios están a ver como nos seus televisores aparece unha mensaxe indicando que non están conectados á localización principal da conta, impedindo o acceso ao servizo agás que se contrate dunha conta adicional (por 5,99 euros/mes máis), que se mude a localización principal ou que se indique que se está de viaxe.
Esta última opción é unha solución provisoria, que tras enviar unha mensaxe ao usuario da conta (por e-mail ou SMS), habilitase un acceso temporal durante 14 días, quedando por ver se de reiterarse esta práctica bloqueen finalmente o acceso.
Haberá que ver como evolucionará a situación, pois non sería o mesmo que Netflix exerce bloqueos drásticos que se simplemente resulta molesto acceder dende televisores fóra do fogar principal. E matizamos o caso dos televisores, porque dende dispositivos móbiles non se aplica tal bloqueo, pois dáse por feito que poden conectarse dende numerosos enderezos IP, resultando así complicado pórlles cancelas.
Resulta difícil prever o impacto que estas accións terá nos subscritores, pois hai unhas semanas parecía que ían producirse baixas masivas no servizo, algo que probablemente non sucederá na realidade, pois os usuarios descontentos normalmente fan máis ruído que o resto en redes sociais, polo que non son unha mostra significativa. O tempo o dirá.

PUBLICIDADE