Nintendo anuncia a gravación de vídeo para a 3DS e adianta detalles de Mario Kart 7

venres, 21 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Nintendo ofreceu hoxe unha presentación pre gravada a través de Nintendo Direct na que detallaron certas novidades ao redor da Nintendo 3DS, entre as que destacaron 2: a posibilidade de gravar vídeo 3D dende a consola portátil e novas características do xogo Mario Kart 7.
A actualización para a Nintendo 3DS estará dispoñible a finais de novembro, e permitirá tanto a gravación de vídeos en 3D de ata 10 minutos de duración como a creación de vídeos animados en 3D mediante a técnica do stop-motion. Tamén incluirá novos xogos para a Praza Mii de StreetPass e un novo alxube para Rescate Mii.
Tamén insistiron en que o vindeiro 18 de novembro chegará ás tendas Super Mario 3D Land, mentres que haberá que agardar ao 2 de decembro para atopar o Super Pokémon Rumble e Mario Kart 7, adiantando sobre este último que vai contar coa opción de Comunidade, para permitir crear grupos en liña formados por varios xogadores de Mario Kart, tirará proveito de StreetPass e SpotPass e tamén contará cunha canle Mario Kart que estará dispoñible no propio menú principal da consola, servindo como punto de encontro para os xogadores.


Mario Kart 7 contará con grandes posibilidades para o xogo en liña e opcións de personalización
No tocante a SpotPass, Nintendo anunciou que nos vindeiros meses poderemos recibir de xeito automático na 3DS vídeos de Red Bull e Eurosports WATTS, e durante o ano que vén tamén será posible gozar de curtametraxes da ovella Shaun (personaxe dos creadores de Wallace e Gromit).
Completaron a presentación anunciando distintos contidos que estarán dispoñibles na eShop, como os xogos Freakyforms, 3D Classics Kirby’s Adventure, Pullblox e Dillon’s Rolling Westerns, así como a aplicación de balde Correo Nintendo, que mudará o xeito de intercambiar mensaxes cos amigos e poderase descargar de balde a partir de decembro.

PUBLICIDADE