Nortempo incorpórase a AMETIC, a patronal da industria dixital española
luns, 13 de febreiro do 2023
O
grupo galego Nortempo, centrado na xestión integral de recursos
humanos, anunciou a súa incorporación a AMETIC, a asociación que
representa á industria dixital en España. Trátase dun paso adiante
do grupo ao abeiro do seu plan de innovación, segundo explicaron
fontes da empresa, engadindo que será nova firma asociada dunha
patronal dixital que aglutina a empresas globais de TI (Tecnoloxías
da Información), telecomunicacións, electrónica, servizos e
contidos dixitais, asociacións e líderes en transformación
dixital.
O
presidente de Grupo Nortempo, Bartolomé Pidal e o director xeneral
de AMETIC, Francisco Hortigüela, formalizaron a adhesión á
asociación en Madrid, destacando o traballo conxunto para impulsar a
transformación dixital. Para Pidal, “o noso compromiso coincide co
de AMETIC, porque o noso plan estratéxico ten como piares a
innovación e dixitalización, forma parte do noso ADN e centra todas
as nosas actuacións en materia de recursos humanos. Apostamos pola
adopción de tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, a
seguridade e a análise intelixente de datos, ademais de automatizar
e dixitalizar os nosos procesos internos e de negocio”.
Pola
súa banda, o director xeneral de AMETIC destacou que é “un pracer
contar con Nortempo como nova asociada. Desde AMETIC impulsamos o
desenvolvemento de talento dixital e a capacitación no uso destas
novas tecnoloxías en todos os traballadores, así como a creación
de novos empregos da industria dixital”.
Tanto
Grupo Nortempo como AMETIC comparten obxectivos comúns, como o
impulso do talento no sector TIC e a dixitalización das empresas e a
sociedade; co fin último de mellorar o estado de benestar e a
competitividade.