Novo mando para o xogo móbil de Backbone

martes, 6 de maio do 2025 Marcus Fernández

Os accesorios que engaden a smartphones controis propios dun mando de consola de videoxogo teñen cada vez unha maior acollida, tanto polo pulo que teñen os potentes xogos para móbiles como polo feito de que poden aproveitarse para gozar do xogo na nube, e dentro desta familia de produtos o Backbone One era un dos grandes referentes.
Agora, dende Backbone queren ir un paso adiante, e presentan o Backbone Pro, que aseguran que é froito dun intenso traballo de deseño na procura do equilibrio entre a precisión de control e a comodidade.
O Backbone Pro funciona de dos xeitos distintos: o modo portátil, no que podemos conectarlle un smartphone mediante USB-C para poder empregalo sen retardo e sen ter que estar pendente de cargar a batería do accesorio; mentres que o modo sen fíos ofrece conectividade Bluetooth para poder empregar os controis para manexar tabletas, portátiles ou televisores conectados (gozando dunha autonomía de até 40 horas grazas á súa batería recargable).
Como vén a ser habitual neste tipo de dispositivos, os botóns poden mapearse para adaptarse a distintos xogos e plataformas, de xeito que tanto serve para xogos de móbil, xogos de consola, emuladores de xogos retro, xogos na nube... coa comodidade de contar con pancas analóxicas de tamaño completo e botóns físicos de calidade.
O meirande problema do Backbone Pro é claramente o seu prezo, xa que o novo accesorio, en vez dos 119,99 euros do Backbone One, pretende venderse a 222,95 euros, iniciándose os seus envíos aos compradores o vindeiro día 20.

Vídeo promocional do novo Backbone Pro