Novo plan formativo do Clúster TIC Galicia

luns, 20 de febreiro do 2023 Redacción

O Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, vén de lanzar un novo plan formativo, gratuíto e en liña, dirixido a traballadores por conta allea, autónomos e desempregados, co obxectivo de mellorar as súas competencias e habilidades dixitais en ámbitos como intelixencia artificial, ciberseguridade, cloud computing, big data, desenvolvemento e analítica web ou programación.
Esta convocatoria contempla preto de 90 cursos que se desenvolverán de marzo a novembro. Non obstante, a previsión é incrementar este número ao longo do ano, segundo a demanda de cada acción formativa, e coa perspectiva de chegar ao redor de 300 cursos en total.
A programación está enmarcada dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e conta cun orzamento estimado de 2,2 millóns de euros, do cal xa están aprobados 668.846 euros, financiados polos fondos Next Generation da Unión Europea e canalizados a través do Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Xunta de Galicia.

Modalidades e obxectivos

As formacións impártense en dúas modalidades, a través de plataformas de teleformación (asíncrona) e por aula virtual en directo (síncrona), e están centradas no ámbito tecnolóxico aínda que tamén hai unidades formativas transversais. Con esta programación, o Clúster TIC Galicia pretende ofrecer unha formación upskilling, reforzando as habilidades que xa teñen os traballadores en activo, e reskilling, para a adquisición de novas competencias por parte do alumnado que actualmente está á procura de emprego.
O obxectivo é que os empregados asuman distintas responsabilidades e funcións ou opten a outros postos dentro da súa empresa e, no caso das persoas desempregadas, que poidan reciclarse profesionalmente, adaptándose a un mundo laboral cada vez máis cambiante, aumentando as súas posibilidades de atopar traballo.
Isto, ademais, pode redundar nun incremento da oferta de perfís tecnolóxicos no mercado, o que favorecería ao sector TIC galego, que precisa incorporar este tipo de profesionais para cubrir a demanda crecente das empresas.