Novos MacBook Air con M4 e lixeira baixada de prezo

mércores, 5 de marzo do 2025 Marcus Fernández

O ano pasado foi un tanto peculiar para os MacBook Air de Apple, pois a primeiros de marzo presentáronse os novos modelos con procesador M3 e configuracións que partían dos 8 GB de memoria unificada, pero cando a finais de outubro se presentaron os MacBook Pro con procesador M4 e para facilitar o funcionamento con Apple Intelligence, decidiron retirar da venda os MacBook Air con menos de 16 GB de RAM, anticipándose á renovación que terá lugar o vindeiro día 12, cando chegarán ás tendas nos novos MacBook Air con procesadores M4, que como grata sorpresa reducen o seu prezo de saída até os 1.199 euros (o que supón unha rebaixa de 100 euros fronte ao modelo do ano pasado). Estamos a falar da versión con pantalla de 13 polgadas, pois con pantalla de 15 polgadas o prezo de saída é de 1.499 euros (que con 32 GB de memoria unificada e 2 TB de almacenamento incrementaría o seu prezo até os 2.999 euros).
Os novos MacBook Air con M4 reciben poucas melloras máis aló do procesador que, aparte de contar cun par de núcleos máis (10), permite a configuración con até 32 GB de memoria unificada (en vez de 24 GB do modelo anterior) e tamén mellora o largo de banda da memoria até os 120 GB/s. A mellora que probablemente agradecerán máis usuarios é a actualización da súa cámara web, que agora é de 12 Mpíxeles con encadre centrado e vista cenital, o que abre máis posibilidades á hora de realizar actividades formativas ou amosar aos interlocutores elementos que teñamos sobre o escritorio.
Un pequeno cambio que chega a estes equipos son os portos USB-C, que agora son Thunderbolt 4 (en vez de USB 4).
A batería ten algo máis de capacidade, pero promete a mesma autonomía: até 15 horas de navegación web sen fíos ou até 18 horas de streaming de vídeo.
Estamos ante a nova xeración do ordenador estrela de Apple, que polo seu equilibrio entre potencia, autonomía e deseño consegue atraer a moitos consumidores todos os anos, e que nesta ocasión quere aproveitar como reclamo Apple Intelligence, que chegará a España oficialmente o mes de abril. Cómpre sinalar que co lanzamento dos MacBook Air pasan a estar descatalogados os modelos con M2 e M3, rachando o costume de manter á venda versións de xeracións anteriores para usuarios que buscan equipos máis económicos (o que probablemente responda a que os modelos básicos carecían de memoria suficiente para correr Apple Intelligence).