Nueva Pescanova tira proveito da realidade mixta de Microsoft en Arteixo

martes, 21 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

O Grupo Nueva Pescanova vén de pór en marcha un proxecto piloto de realidade mixta na súa planta de Arteixo. Concretamente a compañía incorporou as lentes HoloLens 2 e a aplicación Dynamics 365 Remote Assist de Microsoft para dar asistencia técnica aos equipos de produción en remoto e facilitar o acceso a documentación técnica e recursos formativos.
A través deste tecnoloxía, os equipos da liña de Arteixo poden compartir hologramas tridimensionais de calquera incidencia, ofrecendo así o apoio visual preciso para que expertos externos poidan axudar a resolvela do xeito máis áxil e eficaz. Deste xeito é posible a colaboración en tempo real entre equipos de produción e técnicos e enxeñeiros, o que contribúe a reducir custos e incrementar a produtividade e eficiencia na resolución de problemas.
O uso de hologramas permite a quen leve posto o visor de realidade mixta ver anotacións e instrucións sobre as intervencións que se realizan, reducindo erros e acelerando operacións complexas, á vez que mantén as mans do especialista libres para poder efectuar as accións precisas de xeito cómodo e seguro. Tamén achega un acceso completo a esquemas, documentos técnicos e calquera procedemento ou información adicional para realizar o diagnóstico ou a intervención máis axeitada a cada caso.