O 2 de decembro o TEDxGalicia dirá adeus en Compostela

luns, 18 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A pasada fin de semana, e de xeito excepcional, unha das grandes citas anuais na nosa comunidade autónoma, o TEDxGalicia, anticipouse á súa venda de billetes ordinaria e durante o sábado e o domingo fixo abriu o seu despacho de billetes virtual para que os máis fieis seareiros do encontro puidesen asegurar a súa asistencia, á vez que tamén sortearon un par de entradas dobres entre a audiencia do programa Lambóns Dixitais da Radio Galega. Rematada esta acción, confírmase agora que será o 1 de outubro o día no que se abrirá oficialmente a venda de billetes para a derradeira edición de TEDxGalicia, que desenvolverase o 2 de decembro na Cidade da Cultura de Galicia.
Si, este encontro que naceu a finais de 2010 no Centro Galego de Arte Contemporánea, e pasou por varias localidades galegas (Ourense, Pontevedra e Carballo), dirá adeus finalmente en Compostela, pechando así unha traxectoria de grande éxito de convocatoria no que a Tecnoloxía, o Entretemento e o Deseño (palabras que compoñen a marca TED) serviron de desculpa para dar a coñecer proxectos e iniciativas e fomentar a reflexión sobre diferentes problemáticas, á vez que moitos atoparon a motivación para emprender.
Aínda que falamos dun evento que se desenvolve durante unha xornada nun enclave físico, estes encontros son só unha ferramenta que serve para a gravación dos relatorios que compoñen cada edición, xa que o auténtico obxectivo dos eventos TED é a divulgación das mensaxes rexistradas de xeito audiovisual a través de plataformas en liña como YouTube, favorecendo así a difusión das mensaxes e a creación de coñecemento.
Polo momento non se coñece o cadro de relatores da vindeira edición de TEDxGalicia, pero iso non impide que os asistentes habituais xa se lanzasen a adquirir os seus billetes para poder acudir ao que consideran unha cita anual imprescindible, que serviu tamén para fomentar un formato de evento que proliferou na nosa comunidade, de xeito que agora é máis doado atopar foros dende os que lanzar mensaxes sobre temas tan variados como a lingua galega ou o emprendemento rural.

PUBLICIDADE