O 27 comeza nos concellos do Barbanza unha formación en mercadotecnia dixital e cooperativismo para a mocidade

xoves, 16 de febreiro do 2023 S. P.

Os Concellos de Boiro, Noia, Outes, Lousame, Dodro, Rianxo e Rois colaboran coa Asociación Deloa para levar a cabo unha nova edición do programa formativo Marketing Dixital e Cooperativismo, desenvolvido xunto coa Escola de Organización Industrial e a Fundación Paideia. A formación, que tamén terá sede na Coruña e en Euskadi, será presencial e celebrase en todos os devanditos municipios do Barbanza. Porá o foco en achegar recursos, capacidades tecnolóxicas e oportunidades para a xente nova.
Desenvolverase do 27 de febreiro a mediados de xuño. Farase fincapé en cuestións como a xestión das redes sociais, a creación de contido, as campañas de publicidade en liña, o impulso da marca, o deseño web, as estratexias de visualización de buscadores e a analítica.
A formación levarase a cabo de luns a xoves e de 16.00 a 20.00 horas, en formato presencial. As inscricións están abertas ata o 20 de febreiro.
Este programa formativo está dirixido a menores de 30 anos en situación de desemprego e vaise levar a cabo entre os meses de febreiro e xuño. As clases grupais terán como dixemos formato presencial e realizaranse titorías individualizadas e grupais para o desenvolvemento dos proxectos de cooperativismo no sector da mercadotecnia dixital.
O programa formativo é gratuíto e contará con 200 horas de formación ademais dunha saída dunha semanas a outra cidade de España para coñecer empresas e caos de éxito no sector do marketing dixital e o cooperativismo. Para impartir a formación contarase con recoñecidos profesionais da promoción empresarial máis innovadora e do traballo cooperativo, referentes a nivel galego e nacional.
A participación neste programa é totalmente gratuíta e as persoas interesadas deben realizar a súa inscrición na web da Asociación Deloa antes do 20 de febreiro. Máis información sobre o programa no enderezo electrónico deloa@deloa.es e do teléfono 981 817 000.