O 30 de outubro chegan a España os altofalantes Amazon Echo

martes, 23 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O pasado mes de maio nas páxinas de La Vanguardia desvelaban que Amazon traería en breve a España os seus dispositivos electrónicos con seu asistente de voz integrado, e aínda que tal información resultou estar bastante errada no que ao calendario se refire (de feito, os dispositivos Google Home conseguiron estrearse en España antes, e incluso o HomePod de Apple chegará estes días ás tendas), puxo sobre aviso dunha nova categoría de produtos que prometen ter moita forza na campaña de Nadal en España.
Aínda que a compañía pioneira neste sector sexa a que finalmente chegue última, non por iso o fará con menos forza, pois Amazon anunciou hoxe unha boa selección de produtos compatibles con Alexa que na súa meirande parte estarán dispoñibles a partires do 30 de outubro cun prezo de lanzamento cun 40% de desconto que fará que moitos se animen a mercar algún destes trebellos sen ter que agardar a promocións como o Black Friday.
Por unha banda temos os altofalantes conectados Echo, Echo Plus, Echo Dot e Echo Spot, que poden controlarse por voz tanto para pór música como para opcións máis avanzadas como responder preguntas, ler as novas ou controlar os dispositivos do noso fogar conectado. E precisamente nesta última liña tamén estrean o Amazon Smart Plug, un enchufe controlable mediante Alexa para así poder manexar luces, ventiladores, cafeteiras... que custa 29,99 euros.
Para os altofalantes de Amazon tamén pode mercarse o Echo Sub, que permite engadir graves e profundos aos dispositivos Echo por 129,99 euros, investimento que realizarán os que queren gozar dunha experiencia sonora de grande calidade, o que non é o obxectivo principal dos altofalantes de Amazon, que buscan principalmente servir de canle de comunicación en mans libres.
Coa promoción de lanzamento o altofalante máis básico de Amazon, o Echo Dot, pode adquirirse por só 35,99 euros (moito máis barato que o seu competidor directo, o Google Home Mini, que véndese por 59 euros), mentres que o modelo estándar, o Amazon Echo, pode mercarse por só 59,99 euros; aínda que haberá usuarios máis curiosos que opten polo Amazon Echo Plus, que diferénciase do anterior por incorporar un controlador de fogar dixital Zigbee e sensor de temperatura, ou sexa, que serve para que poidamos instalar, por exemplo, lámpadas programables sen necesitar dun bridge (que no caso do modelo de Philips custa preto de 50 euros) e, para destacar esta función, a xeito de promoción permiten adquirir o Echo Plus cunha lámpada Philips Hue por só 89,99 euros, o que semella un prezo bastante contido para quen queira animarse a xogar coa domótica.
Para os que a calidade sonora non sexa crucial, posiblemente chame máis a atención outro dos produtos de Amazon, o Echo Spot, que sería un altofalante compacto cun formato semellante ao dun espertador, que integraría unha pequena pantalla e unha cámara, de xeito que serviría para amosar información en pantalla (a hora, a meteoroloxía, as novas...), para realizar videoconferencias e incluso para amosar imaxes de cámaras de videovixilancia compatibles con Alexa.
Podemos entender que Amazon o que busca é ter un tipo de dispositivo para cada estancia, de xeito que o Echo Spot encaixaría no dormitorio, o Echo/Echo Plus no salón e o Echo Dot en habitacións cativas, permitindo así gozar dun fogar conectado no que poder tanto escoitar música de numerosas fontes como poder dar ordes que atenderá Alexa, asistente que cada día está a medrar en funcionalidades e en dispositivos que o equipan, de xeito que segundo vaian pasando os meses veremos non só como mellora este asistente baseado na nube, senón tamén como van chegando novos produtos e servizos que se comunican con el, conseguindo así tirar un grande proveito desta tecnoloxía no noso día a día. A propia Amazon ten unha sección na súa tenda en liña para recoller dispositivos que integran Alexa, que actualmente están moi centrados no son, pero que no futuro chegarán ata incluír fornos microondas.
Cómpre salientar que Amazon é moi consciente do potencial que teñen os seus novos produtos ao con outros, de xeito que boa parte dos seus altofalantes poden adquirise en combinación con lámpadas, enchufes, cámaras de seguridade ou incluso termóstatos, animando así aos consumidores a avanzar no fogar conectado.