O 8 de febreiro remata o prazo para aspirar aos retos de R DiCo Challenge
venres, 25 de xaneiro do 2019
A Corporación Radio Televisión de Galicia, a AMTEGA e o
operador R unen forzas para o desenvolvemento
de cinco retos tecnolóxicos para emprendedores e empresas enmarcados na nova
aceleradora de contidos dixitais R DiCo Challenge.
Alfredo Ramos, director xeral de R, Rosa Méndez, directora da área de
Sociedade Dixital de AMTEGA e Xosé Pereira, director da Área de innovación
e negocio da CRTVG, estiveron
no programa da TVG A Revista,
onde explicaron con detalle esta iniciativa, que busca fomentar a innovación
tecnolóxica no eido dos contidos dixitais. Entre os obxectivos destes retos
sinalaron o aproveitamento destas iniciativas para mellorar os produtos e
servizos, e impulsar o emprego, nun sector que xa reúne a máis de 5.000 traballadores
e unhas 900 empresas.
Televisión de Galicia colabora nos 5 retos pero céntrase nun, unha análise
de big data aplicado ao consumo
televisivo. Segundo o director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, o
obxectivo é coñecer o comportamento dos usuarios en relación cos medios de
comunicación en Galicia e tamén noutros produtos audiovisuais, como
os videoxogos. Así mesmo, Pereira explicou que para a realización deste
reto a CRTVG porá a disposición dos elixidos os sistemas de medición de
audiencias da CRTVG ou das súas canles dixitais.
Dentro dos outros retos, destacan un novo sistema de enriquecemento de contidos
deportivos ou a creación de aplicacións para Android TV. Amais, tamén se
buscarán buscar solucións para transmitir contidos formativos e divulgativos
dun xeito innovador.
As ideas para cada un destes retos pódense presentar ata o 8 de febreiro
na web de startups R Dico Challenge. Ademais, crearase un espazo na Cidade
da Cultura para o desenvolvemento das iniciativas.
