O 80% dos concellos de Lugo está conectado á fibra óptica de Adamo
mércores, 17 de xullo do 2024
A operadora Adamo fixo un novo balance, un balance de verán, da presenza da súa fibra óptica na provincia de Lugo, onde leva anos traballando arreo para dotar de Internet de banda larga os concellos do rural. Segundo fixo saber a compañía, o 80% dos concellos da provincia está conectado á súa fibra óptica. Adamo tamén destaca que moitos destes municipios sitúanse en zonas rurais e mal comunicadas, atópanse afectados polo temido fenómeno do despoboamento e, por tanto, teñen maiores necesidades de conectividade.
A operadora fai saber que “máis aló desa porcentaxe, desde un punto de vista social, ese desenvolvemento das infraestruturas supón que 108.000 familias de 53 dos 67 concellos que conforman a provincia dispoñen da internet ultrarrápido de ata 1.000 Mbps”. Trátase de municipios que, ou ben estrearon Internet ultrarrápida da man da empresa, ou ben viron como Adamo ampliaba unha rede preexistente.
O último paso (que non o derradeiro) neste importante proceso de despregadura de fibra óptica (o número 53 da lista de concellos) deuno a operadora no Páramo, ao estender a conexión a distintos lugares do termo territorial. Por certo que a seguinte parada neste percorrido de extensión de fibra é Becerreá, onde Adamo expandirase ao longo do verán.
Adamo tamén fai saber que a conexión que proporciona a compañía (de ata 1.000 Mb) permite realizar con garantías actividades que hoxe resultan habituais: teletraballo, educación online, compras por Internet, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras. “Os 1.000 Mbps”, engaden, “sitúanse como a fibra óptica máxima habitual que pode atoparse en calquera gran cidade; de feito hoxe é posíbel conectarse a Internet á mesma velocidade en Barcelona, en Madrid... e en ducias de pobos lucenses”.
Por outra banda, co obxectivo de dotar de conexión de calidade aos sitios máis apartados, Adamo dispón do servizo Ola, veciño! Trátase dun formulario que se pode encher na web da empresa e que nos envía un aviso cando a fibra chega ao noso fogar. Amais, en adamo.es podemos picar en Chamámoste para que un teleoperador da compañía estableza contacto con nós (e tamén podemos marcar o número de teléfono 1600 para recibir información e/ou contratar produtos).