O BBVA anuncia que este ano a metade da súa clientela será dixital
xoves, 25 de xaneiro do 2018
O BBVA
vén de informar das súas previsións en materia dixital. A
información veu achegada polo presidente da entidade bancaria,
Francisco González, durante a súa estadía no Foro Económico
Mundial de Davos. Segundo fixo saber, a metade
da clientela do banco vai estar no mundo dixital. Na súa análise
sobre o intre actual do sector financeiro e a transformación
tecnolóxica de BBVA, explicou que converterse nunha empresa dixital
non é só unha realidade inevitable para a entidade que preside,
senón tamén unha necesidade urxente: “Temos que converternos
nunha empresa dixital canto antes”, sinalou.
Respecto
do 50% de clientela en liña, sinalou que se trata dunha cifra que
vai alén dun simple cambio de hábito en usuarios: “Significa que
teñen máis produto, máis relación co banco e están moito máis
satisfeitos”.
Con
respecto ao contexto global, e preguntado sobre se está preparado o
regulamento vixente para asimilar as transformacións da industria
financeira, Francisco González comentou que “é probable que non,
porque estamos a crear unha nova orde mundial”. Segundo engadiu,
“estamos inmersos na cuarta revolución industrial e estanse
creando moitas cousas, unha parte importante das cales serán
diferentes, e para aproveitar todo o potencial das tecnoloxías é
necesario ter un regulamento axeitado”. Asemade, avogou por un
“regulamento 2.0”, que traballe “mirando os intereses de
consumidores, os riscos sistémicos, a estabilidade financeira e,
loxicamente, que apoie a innovación”.
