O Banco Santander achegará mañá Samsung Pay aos seus clientes

luns, 26 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Os sistemas de pagamento mediante o móbil entran no mercado de xeito moi paseniño, e aínda que a primeira grande plataforma que chegou a España foi Samsung Pay, levaba certo retraso á hora de integrar a grandes entidades bancarias en contraste con Apple Pay (que comezou directamente co Banco Santander), pero mañá van mudar a cousas, xa que Samsung Pay pasará a aceptar tarxetas do Banco Santander, facilitando así os pagamentos en establecementos que acepten pagamentos mediante NFC (aínda que os clientes do Santander xa podían facer tal dende a aplicación propia da entidade, Santander Wallet).
Os usuarios do Banco Santander que teñan smartphones Galaxy A5 (2016/2017), S6, S6 edge, S6 edge+, S7, S7 edge, S8 ou S8+ poderán empregar a aplicación móbil de Samsung Pay para integrar as súas tarxetas bancarias no teléfono, facilitando así a realización de pagamentos en milleiros de establecementos que aceptan pagamentos contactless (preto do 75% dos datáfonos actuais), entre os que figuran numerosas cadeas comerciais como El Corte Inglés, Media Markt, Cepsa, Domino’s Pizza, VIPS, Repsol, Phone House, Día ou Starbucks.
Entre as particularidades da solución de pagamentos de Samsung destaca o feito de permitir a identificación mediante pegada dixital ou escáner de iris, tecnoloxías que apoiadas na tokenización das credenciais das tarxetas bancarias e en Samsung KNOX conforma un alto nivel de seguridade para tranquilidade dos usuarios.

PUBLICIDADE