O Black Friday converte ao fundador de Amazon no home máis rico do mundo

venres, 24 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O pasado verán, durante varias horas, as accións de Amazon.com Inc. experimentaron unha suba tal na Bolsa de New York que Jeff Bezos pasou a ser considerado o home máis rico do mundo, xa que superaba a Bill Gates por 1.500 millóns de dólares, e hoxe repetiuse a historia co gallo do Black Friday, o que levou a que Bezos non só adiantase a Gates, senón que tamén fose a única persoa do mundo que actualmente supera unha riqueza estimada de 100.000 millóns de dólares. Estamos ante a primeira vez que se supera esta marca dende 1999, ano no que Bill Gates conseguira tal fito.
As magníficas vendas durante estes días levou a que a accións da compañía de comercio electrónico de referencia a nivel mundial medrase en cotización bolsista un 2%, o que supón un incremento interanual do 18,4%, constatando a boa saúde da empresas.
Segundo os datos de Bloomberg, actualmente a persoa máis rica do mundo sería Jeff Bezos, seguido por Bill Gates, Warren Buffett, Amancio Ortega e Mark Zuckerberg, ou sexa, que 3 dos 5 homes máis ricos do mundo pertencen ao sector tecnolóxico e, de feito, tal proporción tamén se mantén entre os 10 homes máis ricos do mundo, xa que os postos do 8 ao 10 figuran Larry Ellison (Oracle), Larry Page e Sergey Brin (Google).

PUBLICIDADE