O CCG conmemora o 8-M con audiovisuais, fondos documentais e nova entrada no Álbum de Galicia
mércores, 8 de marzo do 2023
Este
8 de marzo celébrase o Día da Muller e entidades como o Consello da
Cultura Galega están a envorcar esforzos para converter a Rede
galega nunha gran conmemoración (unha conmemoración que no caso do
CCG esténdese a todo o ano, principalmente a través do Centro de
Documentación en Igualdade e Feminismos, o CDIF). Entre
as accións concretas para este 8-M programadas inclúese (en
colaboración coa Filmoteca de Galicia) a proxección de audiovisuais
que foron producidos ou dirixidos por mulleres (ciclo Olladas
de muller); a
publicación de dúas novas cabaceiras para reivindicar os movementos
feministas e LGTBIQ+ na historia contemporánea; a actualización da
web Álbum de Galicia cunha
entrada do colectivo Mulheres transgrendindo; e a
publicación, no
portal de divulgación en galego Proxector, dun
especial que xunta vídeos sobre a situación das mulleres.
A
primeira das accións desenvolvidas polo CCG arrincou o pasado 3 de
marzo co xa tradicional ciclo de cinema Olladas de muller que
busca amosar a creación vencellada a Galicia, con traballos que
“amosan a notable e plural nómina de nomes propios femininos e,
polo outro, unha serie de destacados traballos do cine estatal e
internacional recente”. O programa desenvolvido en colaboración co
CGAI estrutúrase nesta edición en 10 sesións, a maioría delas
compostas por unha longametraxe xunto a unha curta de autoría
galega. No marco deste ciclo poderase ver a autoficción da premio
Nobel de Literatura Annie Ernaux Los años de Súper 8, que
dará paso aos efluvios da Nouvelle Vague en estado puro de La
amiga de mi amiga de Zaida Carmona. Unha aproximación a Isak
Dinesen, Karen de María Pérez, impregna tamén a correspondencia no
espello con La visita y el jardín secreto de Irene M.
Borrego, ou o misterio da artista Isabel Santaló e as lembranzas de
Antonio López. Os abusos sexuais de El techo amarillo de
Isabel Coixet, o nacemento dun fillo en Tempo comum de Susana
Nobre e o periplo carcelario de 981 Gau de Arantza Santesteban. Canda
a eles, veranse os últimos traballos de Sonia Méndez, Xisela
Franco, Maria Ruído, Adriana Páramo, Rosario Sarmiento, Diana
Toucedo, Carla Andrade, Alicia López, Cora Peña ou Lucía Estévez.
De
Proxector a Álbum de Galicia
Xa
máis preto da data, os diferentes departamentos do CCG prestan
atención á reivindicación nas súas liñas de traballo. O Álbum
de Galicia incorpora a entrada do colectivo Mulheres
Transgredindo, unha nova incorporación dun colectivo existiu
entre 2003 e 2010, en torno á Casa Encantada, casa okupada situada
daquela na rúa Castrón D’Ouro de Compostela. Un grupo numeroso de
mulleres de diferentes tradicións políticas que coincidían na
forma de entender a loita feminista. A entrada, foi asinada polo
propio colectivo, que se disolveu en 2010, en parte pola desaparición
do espazo e en parte pola creación da Rede Feminista Galega. O
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, CDSG, dedicou
ás Mulleres que abriron as fendas que nós cruzamos os
contidos deste mes de Proxector, iniciativa que desenvolve coa
Universidade de Santiago de Compostela (USC). Unha ducia de recursos
audiovisuais permiten coñecer a figura de mulleres que foron
referentes en diferentes eidos, como a filosofía, a xeoloxía, a
enfermería, a química ou as matemáticas.
Ademais,
este martes botou a andar EscriturAs, un ciclo coordinado por
Inma López Silva que busca reflexionar, desde unha perspectiva
feminina e feminista, sobre os cambios experimentados nos discursos
artísticos, xornalísticos e intelectuais durante os últimos anos.
Marilar Aleixandre e Laura Fernández protagonizaron a primeira
sesión.
Ademais,
no marco do proxecto A Saia ofrécense dúas cabeceiras. Dunha banda,
Xénero Humano, publicación institucional ilustrada editada
en Ourense coa pretensión de abranguer todo tipo de asuntos de
interese relacionados coas mulleres desta cidade: temas a debate,
memoria, mulleres destacadas e acción institucional. Formou parte
dos plans de igualdade promovidos polo Concello de Ourense, editor
dos tres números e autodefiniuse como ferramenta para a igualdade.
Desta publicación destaca, polo seu valor histórico, a reprodución
de fotografías procedentes de arquivos familiares e públicos. Da
outra banda, preséntanse os 15 números que conforman a terceira
xeira da segunda época da publicación de Andaina. Revista galega
de pensamento feminista (2009-2013). Nadia Álvarez Fernández,
Ana Arellano, Patricia Arias Chachero, Celia Balboa Guerra, Ana Luisa
Bouza Santiago, Dalila Dopazo, Zélia Garcia, Laura Gómez Lorenzo,
María Teresa Gómez Louzao, Pilar Pérez Rey, Saleta de Salvador
Agra, Nanina Santos Castroviejo, Iria Vázquez e Estrela Villaverde
conforman o consello de redacción que mantén continuidade na
numeración, seccións e número de páxinas, aínda que actualiza o
deseño.
