O CCG pon na Rede as vidas de 30 grandes da nosa ciencia

martes, 19 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Consello da Cultura Galega vén de pór na Rede, na súa web e para descarga libre, unha relevante escolma de figuras sobranceiras da nosa terra, investigadoras e investigadores dos máis diversos eidos do coñecemento, todas e todos co nexo en común da súa relevancia científica. Son, en total, trinta nomes extraídos do proxecto homónimo (Álbum da Ciencia) que o CCG impulsa na Rede.
Na presentación desta escolma participaron a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, os coordinadores do libro, Francisco Díaz Fierros, Xosé A. Fraga e Alfonso Mato, xunto con Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade. Segundo fixo saber Rosario Álvarez, estamos “ante unha santa compaña de inmortais da ciencia e os seus froitos para o país”.
Dáse a casualidade de que a publicación comeza cun matemático, José Rodríguez, e remata con outra, María Josefa Wonenburguer, e no medio vinte e oito figuras que, como Ángeles Alvariño (unha das mil científicas máis destacadas da historia) ou os médicos Nóvoa Santos, Gil Casares ou Baltar Cortés, salientaron, segundo fai saber o CCG, “pola súa relevancia, orixinalidade ou representatividade no eido da ciencia galega”. Como dixemos, a escolma, que inclúe ilustracións de Nuria Díaz, concíbese en base aos textos publicados na web Álbum da Ciencia, pero reestruturados para facer máis doada a difusión das súas contribucións e datos biográficos.
A orixe
No ano 2011 o Consello da Cultura Galega acolleu unha proposta que arrincou previamente no seo do Seminario de Estudos Galegos, e que consistía nun proxecto para divulgar a biografía dunha chea de personalidades científicas do noso país. Xurdía desta maneira o Álbum da Ciencia, e facíao co obxectivo de divulgar a investigación e a ciencia entre a sociedade en xeral. Hoxe en día suma preto de 300 entradas que dan a coñecer as biografías de científicos e científicas do país. Segundo informou hoxe o CCG, trátase “dunha parte substancial do I+D histórico do país, unha especie de Academia das Ciencias virtual”.
A iniciativa promoveuna no seu momento Francisco Díaz- Fierros, quen coordinaba a Sección no momento en que se presentou e que hoxe quixo destacar que “a cultura tamén é ciencia e estivo nas preocupacións do Consello da Cultura desde o seu nacemento”.

PUBLICIDADE