O CCG recupera na Rede conferencias musicais galegas
luns, 20 de febreiro do 2023
Caligrafías
musicai é o novo proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do
Consello da Cultura Galega (CCG), unha iniciativa para recuperar
e reivindicar na Rede, cada dous meses, conferencias destacadas de
prestixiosos estudosos do eido musical galego que permiten
revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman
parte da cultura musical do país. O proxecto, coincidindo co Día de
Rosalía, estréase poñendo o foco na vertente musical da poeta.
Sobre esta faceta menos coñecida da autora de Follas novas
fala outro erudito, Filgueira Valverde, na primeira entrega de
Caligrafías musicais.
Na
primeira entrega o polígrafo Xosé Filgueira Valverde esmiuza os
textos rosalianos para fixarse nos seus aspectos sonoros e musicais:
sons da natureza, campás, cantos de paxaros, ritmos e acentos dos
cantares populares…, ata chegar á Alborada popular de
Rosalía de Castro. A intervención titulouse Rosalía e a música
foi presentada por Afonso Vázquez-Monxardín, tivo lugar en 1992 no
Ateneo de Ourense e foi organizada polo Concello de Ourense. Na
gravación Valverde destaca as calidades musicais inxénitas da
poeta, que favorecen a súa formación musical autodidacta, a súa
voz de contralto e a súa facilidade como intérprete de
instrumentos.
Sobre
o proxecto
O
título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda,
caligrafías significa tanto “a arte de escribir con boa
letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura
dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo
último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca
rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical
galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar
compositores, estilos musicais ou instrumentos ⸺entre outros⸺ que
forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).
O
Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abre deste xeito una nova liña de
divulgación dos seus fondos inéditos. Terá periodicidade bimensual
e ofrecerá as reflexións versadas de nomes como Xosé Filgueira
Valverde, Xosé López Calo, Bautista Varela de Vega, Joám Trillo,
Ramiro Cartelle, Carlos Villanueva, Javier Garbayo ou Manuel Balboa.
O
Arquivo Sonoro de Galicia
O
Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da
Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación
do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galego. A
recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes
centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está
permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra,
gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material
radiofónico, músicas galegas —culta, tradicional, pop, rock…—)
entre arquivos particulares e de institucións, colectivos e
compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica
accións a varios niveis: por unha banda, a conservación do seu
fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura e,
pola outra, a súa catalogación e dixitalización.
