O CCG remodela a web do Arquivo Sonoro de Galicia para achegar os fondos á cidadanía

luns, 22 de marzo do 2021 Redacción

O Consello da Cultura Galega vén de dar unha viraxe á web do Arquivo Sonoro de Galicia co obxectivo de acurtar as distancias entre os fondos que acubilla, por unha banda, e a comunidade de usuarios da Rede, pola outra. Trátase duns 10.000 ficheiros e dunhas 6.000 voces de figuras senlleiras da nosa cultura que están, a partir de xa, accesibles na nosa pantalla.
A remodelación constitúe a primeira fase dun proxecto que pretende contribuír de xeito progresivo á visibilización do material que custodia a institución. Xosé Ramón Pousa é o actual director do arquivo, que abrangue fondos editados e inéditos e que foi creado en 1992 coa finalidade de “contribuír á recuperación do patrimonio sonoro galego e aglutinar en Galicia as distintas iniciativas que traballan co mesmo afán”.
Actualmente está dirixido por Xosé Ramón Pousa e ten entre os seus membros con Rafael Cid, Concha Losada, Xulia Feixoo, Mónica Rebolo, Xerardo Dasairas Valsa e Cristina Pujales.
Fondos editados
Cilindros de cera, rolos de pianola, cartuchos de casetes, casetes, vinilos, CD, DVD..., son moitos e moi variados os formatos dos máis de 10.000 fondos editados que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. A consulta deses contidos pode facerse a través do web pero tamén a través do catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Segundo destaca o Consello da Cultura, entre os elementos máis destacados que acubilla a web atópanse os arquivos do Proxecto Lousas, iniciativa que puxo na rede unha parte destacada das 700 lousas que inclúen desde as primeiras gravacións de 1904 do Coro Aires da Terra de Pontevedra ou os numerosos rexistros editados na emigración bonaerense e cubana, ata cancións galegas interpretadas polas voces máis destacadas da época.