O CDTIC amosa dende Vigo as posibilidades de WordPress e WooCommerce para mantermos unha tenda en liña
mércores, 8 de febreiro do 2017
Este xoves 9 de
febreiro temos novamente no Centro Demostrador TIC unha cita coas
tecnoloxías máis avanzadas e de meirande utilidade para os nosos
procesos empresariais e de mercado. Desta volta agárdanos unha
sesión práctica sobre como xestionarmos un establecemento dixital
de vendas empregando o sistema libre de xestión de blogs WordPress e
a súa aplicación WooCommerce, tamén open source e de balde.
A cita Xestiona
o teu negocio en liña con WooCommerce e WordPress terá
lugar na aula CeMIT de Vigo en horario de 16.15 a 19.15 horas. O
obxectivo: amosarnos as vantaxes que ofrece a dita aplicación para
xestionar as vendas en liña fronte a outras ferramentas, así como
inicialas nas funcións principais da aplicación.
Ao longo da sesión
ofreceranse indicacións sobre a súa instalación, sobre a xestión
de produtos, sobre os módulos de envío ou sobre os métodos de
pagamento, entre outros aspectos. Segundo sinala a axencia AMTEGA,
que é de quen depende o Centro Demostrador TIC, a sesión está
destinada sobre todo a pequenas empresas, autónomos e comerciantes
“que queiran manexar de forma individual o seu catálogo de
produtos en internet”. Encargarase de impartila a firma Hacce
Conversion & Design, empresa especializada en desenvolvementos
web de comercio electrónico e presenza en liña, e deseño de
interacción.
Para participar nesta
actividade cómpre inscribirse na
web do CDTIC. A asistencia é de balde e aínda é posible
anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están
cubertas.
