O CEIP Ponte dos Brozos celebra a súa cuarta Xornada de Experiencias TIC

martes, 2 de xuño do 2015 Redacción

Este mércores, día 3 de xuño, o Centro Tecnolóxico de Arteixo acollerá a cuarta edición da Xornada de Experiencias TIC. No marco da xornada celebrarase a presentación dos traballos de innovación do CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo) sobre o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Trátase dunha serie de iniciativas centradas principalmente en contornas de linguaxe de programación e uso de vídeos educativos.
Segundo informan fontes do centro, a esta xornada están convidados os representantes e integrantes do ámbito educativo galego, a Corporación do Concello de Arteixo e, por suposto, o alumnado, o profesorado e as familias dos escolares do devandito centro. Ademais, contarase coa presenza dos responsábeis de Centro de Formación e Recursos da Coruña, da Asesoría de Bibliotecas e da Fundación Amancio Ortega.
A xornada artellarase en dúas partes. Nunha primeira, amosaranse experiencias sobre o traballo desenvolvido dende educación infantil ata o 2º ciclo de primaria con contornas de linguaxe de programación e a súa aplicación cotiá nas aulas. O segundo bloque falará sobre as iniciativas levadas a cabo no ámbito da programación no 3º ciclo da educación primaria e dos eventos TED. Entre ambos bloques, nenos e nenas de diferentes cursos terán oportunidade de expor o seu traballo de xeito práctico convidando aos asistentes a participar con elas e eles. Entre as distintas intervencións amosaranse os vídeos do evento TEDxKids@Ceippontedosbrozos, celebrado este mes de maio que vimos de deixar atrás.

PUBLICIDADE