O CEO de Unicoos convida á comunidade escolar galega a apostar pola formación motivadora e tecnolóxica

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

David Calle, creador de Unicoos, na súa intervención na primeira edición do DICO Summit, en SantiagoHoxe, segunda xornada do evento DICO Summit 2017, falouse moito na Cidade da Cultura de recursos, ideas, propostas e tecnoloxías para o que viña sendo dende a súa orixe o leit motiv do congreso que organizan AMTEGA e os nosos clústers do audiovisual e das TIC: facermos entre todas e todos un mundo mellor. Esta arela de asegurar un futuro mellor que o noso presente e o noso pasado foi a base, precisamente, da intervención ás 10.30 horas de David Calle, director executivo de Unicoos, a academia en liña de meirande éxito de España (e o terceiro portal educativo científico-tecnolóxico do mundo). Calle pechou a súa intervención dicindo que con toda a información e a tecnoloxía que temos ao noso alcance, non lle cabe dúbida de que a mocidade de hoxe en día está en disposición de optimizar o legado deixado polas xeracións anteriores. “Só fai falta motivalos”. E diso, de motivar, é do que trata Unicoos.
Segundo explicou, unha das bases de Unicoos reside na crenza firme de que todas e todos atesouramos altas capacidades, todos somos “únicos”, precisamente. Calle comezou o seu relatorio facendo un percorrido polas orixes da canle-academia, “que comezou sendo un hobby e que aínda segue sendo tal, xa que ter éxito en YouTube non dá de comer”, unhas orixes que deron como resultado uns “vídeos moi malos” pero que paseniño pero sen pausa foron mellorando até converterse no que podemos ver agora en aberto, unha gran listaxe de audiovisuais STEM para estudantes de Secundaria e Bacharelato e que son de gran utilidade para centos de persoas cada día. A este respecto, Calle tamén tivo cifras que achegar: Unicoos é hoxe en día o primeiro portal educativo do ámbito español e o terceiro no mundo, ten 700.000 subscritores en YouTube, 175.000 seareiros en Facebook e 30.000 en Twitter. Ademais, xa foron gravados ao abeiro desta iniciativa 700 vídeos cos recursos de seu da academia dixital.
Respecto das razóns do seu éxito, Calle debullou unhas cantas: “En primeiro lugar porque procuro transmitirlles paixón, enerxía e esperanza, procuro en todo intre que as rapazas e os rapaces non se rendan e tento facer sempre o meu traballo de xeito diferente ao tradicional”. A este respecto, salientou o poder das pezas audiovisuais en liña para convocar o que denominou as tres “is” básicas de calquera reclamo formativo: imaxe, interacción (a capacidade para ver algo a calquera hora e dende calquera lugar) e a integración. Calle, amais do devandito, tamén tivo tempo para animar ao profesorado galego a subirse ao caso deste tipo de metodoloxías, convidando aos docentes a “recuperar o espírito de mudar as cousas que tiñan cando se estrearon na profesión, e a que lembren o intre en que tamén eran alumnos e devecían por ter diante unha persoa e un contexto determinado que lles contaxiase a paixón polo coñecemento”.
Con posterioridade ao relatorio de Calle foi a quenda, nesta segunda xornada de DICO, dunha mesa redonda sobre as pegadas que están a deixar as contornas e recursos dixitais e eidos produtivos galegos tradicionais. Interviñeron Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE, e representantes do Clúster Alimentario de Galicia, o Clúster Téxtil Moda e a empresa tecnolóxica Queres. Nesta mesma (A economía tamén é dixital) os responsábeis do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) amosaron o seu proxecto MarketLab, unha infraestrutura de innovación aberta, “única no eido estatal”, centrada en analizar os factores que inflúen na compra do consumidor actual no entorno da intelixencia competitiva. Pola súa banda, o Clúster do Téxtil Moda (COINTEGA) presentou SIMSS, unha plataforma que permite ás empresas do sector optimizar os seus recursos para vender máis.

PUBLICIDADE