O CESGA porá as súas infraestruturas ao alcance do Campus do Mar

xoves, 16 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Javier García Tobío, director do centro galego de cálculo

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) anunciou esta semana a súa adhesión á listaxe de colaboradores e impulsores do Campus do Mar da Universidade de Vigo. O espazo galego de cálculo e investigación, dirixido por Javier García Tobío, vai traballar coa dita iniciativa educativa a través dos seus recursos máis directos (como por exemplo a rede de comunicacións avanzadas e de altas prestacións) e poñendo en xogo a súa ampla experiencia en materia de computación e de almacenamento masivo de datos ou aplicacións para a simulación numérica e a análise de información. Esta arela de colaboración foi dada a coñecer esta semana polo presidente da Fundación CESGA, Ricardo Capilla, e máis o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
No acordo de colaboración asinado entre ámbalas dúas entidades figuran outras liñas de traballo conxunto, como a busca dos procedementos para cooperar arreo en I+D+i e Formación de Posgrao na simulación ou o compromiso de impulsar a investigación no sector mariño.
No acto de sinatura tamén participou Javier García Tobío, quen lembrou a necesidade de tirar proveito do amplo potencial do CESGA en tódolos eido sociais e produtivos. “O Centro Supercomputación de Galicia non lle podía dar as costas a Campus do Mar”, sinalou, ao que engadiu que o obxectivo do centro que dirixe dende hai anos é “promover os servizos e a cultura do cálculo intensivo e as comunicación avanzadas da comunidade galega e do CSIC; obxectivos que se aliñan perfectamente cos obxectivos do campus do Mar”.

PUBLICIDADE