O CITIC acolle a sexta edición de XoveTIC

xoves, 5 de outubro do 2023 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade de Coruña reúne hoxe e mañá a investigadores e investigadoras junior, predoctorales e posdoctorales, de Galicia e Portugal na sexta edición do XoveTIC, un congreso referente entre os talentos tecnolóxicos máis novos. Nesta ocasión son 55 os traballos que se presentarán entre comunicacións orais e pósteres, dos que serán premiados os oito mellor valorados por parte do Comité Científico, atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade.
O evento comezou esta mañá cunha sesión na que participaron o reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo. “O XoveTIC é unha manifestación do noso compromiso coa excelencia na investigación e a promoción do intercambio de coñecementos no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións. De feito, este congreso converteuse nun punto de encontro esencial para mozos investigadores, académicos e profesionais que traballan as disciplinas tecnolóxicas”, sinalou o director do Centro de Investigación en TIC, Manuel Penedo.
Tras a sesión de apertura e, antes do inicio das presentacións das comunicacións orais, tivo lugar unha sesión plenaria a cargo de Alfonso Martínez Martínez, director da Cidade das TIC, quen falou sobre A cidade das TIC. Unha oportunidade de crecemento, proxecto estratéxico para crear un polo TIC e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional na Coruña. O seu obxectivo é contribuír á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes, desenvolvendo tecidos empresariais conectados e máis competitivos, impulsando a dixitalización de Galicia e creando un centro de referencia en intelixencia artificial de referencia a nivel nacional e internacional.
A continuación, presentáronse as primeiras comunicacións orais, nas que os mozos investigadores expuxeron os seus traballos sobre xenómica e Intelixencia Artificial, a recomendación de música a partir de valoracións obtidas en Amazon, o desenvolvemento de sensores virtuais ou o uso de algoritmos de aprendizaxe.
Pola tarde, terá lugar a sesión de pósteres no salón de actos da Facultade de Informática do UDC, na que os participantes presentarán investigacións como Un corpus en lingua galega para a detección da misoxinia en Twitter e Mastodon; o Impacto social da IA para a análise e a prevención do delito ou Integración de sistemas de movemento en contornas virtuais para a rehabilitación en persoas con discapacidade, entre outros.

Venres 6

O Congreso XoveTIC continuará mañá cunha nova sesión de comunicacións orais a partir das 9:30, na sala Cloud do CITIC. Até as 11:20 expoñeranse os traballos de investigación sobre prototipos de recoñecemento de entidades, riscos ético-legais da IA, realidade virtual para estimulación cognitiva ou reforzo e control de tarefas en nenos con TEA mediante aplicación móbil.
O evento concluirá cunha sesión plenaria a cargo de Marianne Blanco Martiño, directora en Sector Público NTT DATA Galicia e Asturias sobre Centro de excelencia Citizen: transformando a experiencia cidadá. A continuación, terá lugar a entrega de premios e o acto de clausura, no que participarán o vicerreitor de Política Científica, Salvador Naya, o subdirector do CITIC, Javier Pereira e a vicedecana de Relacións Institucionais, Paula María Castro Castro.

PUBLICIDADE