O CITIC colabora co Congreso Galego de Estatística

mércores, 18 de outubro do 2017 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) vai colaborar na edición número 13 do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, un evento previsto para os días 26, 27 e 28 de outubro no Campus de Ferrol. O evento está organizado polo departamento de Matemáticas da UDC, a petición da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO). Haberá conferencias, mesas redondas, obradoiros e comunicacións, ademais de actividades de carácter cultural coas que, en palabras da organización, “buscarase facer máis atractiva a participación”. O obxectivo deste congreso é contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica da estatística e da investigación de operacións.
Investigadores do CITIC forman parte tanto do comité organizador como do comité científico do congreso. Ademais, O CITIC é unha das entidades colaboradoras xunto con outras entidades como o Instituto Galego de Estatística, a Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol e Navantia, entre outras.
O comité organizador fixo os días pasados un chamamento a todos aqueles investigadores e profesionais ligados á estatística, á análise da información e á investigación de operacións a participaren nestas xornadas, “amosando as súas experiencias e resultados máis recentes”.

PUBLICIDADE