O CITIC conclúe o proxecto Erasmus+ Design2Freedom

xoves, 9 de xullo do 2026 S. P.

O proxecto europeo Erasmus+ Design2Freedom finalizou oficialmente tras trinta e un meses de traballo conxunto entre a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), a Universidade da Coruña, Vilniaus Kolegija (Lituania), Creative District (Bélxica) e Technicka Univerzita v Kosiciach (Eslovaquia).
A iniciativa pecha desta maneira unha etapa na que “contribuíu a transformar o ensino universitario mediante metodoloxías de deseño centrado na persoa, situando as persoas con discapacidade no centro dos procesos de innovación”, segundo explicaron dende o CITIC, engadindo que o proxecto foi coordinado pola investigadora Betania Groba (CITIC), cuxa contribución foi determinante para trasladar a investigación a contornos reais de aprendizaxe e favorecer a colaboración entre universidade, entidades sociais e cidadanía.
O centro da UDC desempeñou un papel clave tanto no desenvolvemento de actividades de innovación como na validación de metodoloxías e recursos destinados a fomentar unha educación superior máis accesible e inclusiva.
Os últimos meses do proxecto estiveron marcados pola celebración dos eventos multiplicadores organizados polas entidades socias en España, Bélxica, Lituania e Eslovaquia. En total, preto de 500 persoas participaron nestas xornadas, entre profesorado, estudantado, persoal investigador, profesionais e representantes de entidades sociais.
A Universidade da Coruña foi unha das sedes destes encontros, contribuíndo a difundir os resultados do proxecto e a reforzar o intercambio de experiencias entre os distintos axentes implicados.
O peche oficial tivo lugar os días 11 e 12 de xuño en Bruxelas, onde se celebrou a última reunión transnacional do consorcio. En representación da UDC participaron as investigadoras Betania Groba e Patricia Concheiro, que traballaron xunto ao resto das entidades socias na revisión final de todos os resultados do proxecto, na avaliación das experiencias piloto e na definición da estratexia para garantir a continuidade dos materiais desenvolvidos. Durante eses días tamén se celebrou o encontro internacional Promoting Person-Centered Design for Disability in Higher Education, organizado por Creative District, que reuniu especialistas europeos para reflexionar sobre os retos do deseño inclusivo e o futuro da formación universitaria.
Un dos principais legados de Design2Freedom é o conxunto de recursos educativos abertos desenvolvidos durante o proxecto. Entre eles destacan un curso en liña gratuíto de quince horas de duración, un mapa internacional de experiencias inclusivas, un kit de ferramentas dixitais para o profesorado e unha guía de boas prácticas para incorporar o deseño centrado na persoa aos plans de estudo universitarios. Todos estes materiais están dispoñibles de balde e en varios idiomas, co obxectivo de facilitar a súa transferencia e ampliar o seu impacto máis aló da duración do proxecto.
Segundo explicou Betania Groba, coordinadora do proxecto na Universidade da Coruña, “o propósito foi xerar ferramentas útiles e transferibles que permitan consolidar un cambio na formación universitaria e contribuír a que o deseño inclusivo forme parte da práctica docente e profesional”.
Ao longo destes dous anos e medio, o CITIC impulsou algunhas das accións máis representativas do proxecto, converténdose nun espazo de encontro entre investigación, innovación tecnolóxica e participación social. Entre elas destaca o hackathon europeo Inclusive Design Lab, celebrado en decembro de 2024 nas instalacións do centro de investigación. Durante este encontro, equipos internacionais e interdisciplinares traballaron xunto a persoas con discapacidade para desenvolver solucións tecnolóxicas inclusivas, poñendo en práctica metodoloxías de cocreación e deseño centrado na persoa.