O CITIC impulsou o debate arredor dos modelos de xestión de centros de I+D

mércores, 5 de xullo do 2017 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) participou o pasado mes de xuño en varios eventos de gran relevancia. Un deles foi o congreso internacional IWFOS do que falamos onte en Código Cero, e outro as Xornadas sobre Organización e Xestión de Centros de Investigación de Universidades e Institucións Públicas, organizadas polo devandito centro da Universidade da Coruña xunto coa propia UDC e a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, contándose coa colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. O obxectivo foi reforzar o papel dos centros de investigación como “entes áxiles e eficaces que relacionan os campus e os sectores produtivos”.
Cal é o panorama organizativo actual dos centros de investigación dependentes das universidades? Que forma xurídica é a máis axeitada? Como condiciona a normativa dos fondos públicos a súa xestión dende a perspectiva destes centros? Que papel xogan as EBT ou as spin-offs na súa estratexia de comercialización?
Estas son algunhas das cuestións que saíron á luz grazas á metodoloxía do evento, que contaba con tres mesas redondas das seguintes temáticas: Modelos actuais de organización e xestión de centros de investigación no ámbito universitario, Implicacións da forma xurídica nas organizacións e nos modelos de xestión dos centros de investigación e Gobernación do I+D+i e da valoración dos resultados dos centros de investigación, xunto con grupos de traballo relacionados encargados da elaboración do documento de conclusións e recomendacións.
O evento contou coa participación de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, e Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, na apertura do 15 de xuño e con Julio E. Abalde, reitor da UDC, e Faustino Infante, do Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no peche do día 16.
Tamén participaron os nosos cinco centros singulares de investigación (CiQUS e CiMUS da USC, CINBIO e ECIMAT da UVigo, e CITIC da UDC) e as dúas agrupacións estratéxicas consolidadas (CiTIUS da USC e AtlantTIC da UVigo) do Sistema Universitario Galego. Asemade, contouse con representación da agrupación estratéxica CICA da UDC, do CSIC e de centros de investigación estatais, como o centro de excelencia Severo Ochoa, e internacionais, como o INESC-TEC de Portugal.
Por todo iso, tanto o persoal directivo e de xestión de centros de investigación como o das unidades de xestión de I+D e de valoración e transferencia das universidades eloxiaron estas xornadas e as súas conclusións, esperando unha vindeira edición.

PUBLICIDADE