O CMG acolle varios cursos de formación a distancia para o profesorado

venres, 5 de febreiro do 2010 Raquel Noya

O Centro Multimedia de Galicia (CMG), seguindo a súa liña de formar nas TIC a todo tipo de colectivos para que as novas tecnoloxías deixen de estar tan só ao alcance duns poucos e poidan ser aproveitadas en tódolos sectores do noso país, vai acoller, nos meses de febreiro e marzo, varios cursos de formación dirixidos a titores de actividades formativas a distancia na Plataforma de Teleformación de Galicia (PLATEGA).
Estas xornadas, que organiza a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do Servizo de Formación do Profesorado, serán impartidas por profesionais do sector TIC os días 19 de febreiro e 5 e 26 de marzo en sesións de 18:00 a 20:30 horas.
Os módulos serán desenvolvidos dende a Sala Audiovisual Access Grid do CMG, en Santiago, e poderán ser seguidos a través de videoconferencia desde os Telecentros de Comunicación de Lugo (Centro Social Lamas de Prado), Vigo (Edificio do Concello), Ourense (Delegación da Xunta), A Coruña (Biblioteca Pública Miguel González Garcés) e no da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
Estes cursos teñen como obxectivo analizar a función titorial desenvolvida nas actividades de teleformación e dar a coñecer recursos e posibilidades que ofrece a formación a distancia hoxe en día. Asemade, pretende formular novos deseños e estratexias metodolóxicas que poidan ser empregadas polas persoas asistentes (na súa maioría profesores) nas actividades desenvolvidas no marco de PLATEGA.
A Plataforma de Teleformación de Galicia está orientada a aproveitar a facilidade de distribución de materiais formativos e as ferramentas de comunicación das redes informáticas para crear un contorno de ensino e aprendizaxe. Deste xeito, e mediante unha conexión á Internet, os usuarios poden realizar actividades interactivas, acceder aos materiais precisos para adquirir o coñecemento, recibir axuda, realizar comunicacións ou avaliar o seu progreso.

PUBLICIDADE