O CPEIG anuncia a 14ª edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática

luns, 20 de marzo do 2023 S. P.

A décimo cuarta edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática xa está preparada para promover a vocación entre o alumando e os e as estudantes acabadas/os de titular no mestrado en Enxeñaría en Informática. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar que o dito galardón será entregado no marco da XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o vindeiro 16 de xuño en Santiago (no Hotel OCA Puerta del Camino).
En canto ao certame en cuestión, dicir que como din as súas bases, poderán optar ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster da Enxeñaría en Informática nos anos 2021, 2022 e 2023. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo e memoria completa do mesmo) até o día 21 de abril ao enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura pódense atopar na web colexial.
Mediante a organización deste premio, o Colexio busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, amais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación de balde. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.

PUBLICIDADE