O CPEIG celebra a 15 edición da súa Noite o vindeiro 16 de xuño en Santiago

luns, 13 de marzo do 2023 S. P.

Fernando Suárez durante a edición anterior da Noite do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a súa XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. A cita é unha nova edición dun dos grandes eventos tecnolóxicos do ámbito galego e estatal de canto se celebran con periodicidade anual: un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é “xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.
No marco da gala entregaranse os Premios da Noite, con once categorías nas que as colexiadas/os recoñecen iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. As persoas, organismos e entidades distinguidas en 2022 foron: o director de Enxeñaría de Seguridade de Google, Bernardo Quintero Ramírez; as enxeñeiras en informática Núria Castell Ariño e Karina Gibert Olivaras; o xefe da Subárea da Seguridade da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva Iglesias; o mozo enxeñeiro en informática Íñigo López-Riobóo Botana; a empresa Manfred; o proxecto Equipos @ enmarcado no Plan Estratégico contra la Cibercriminalidad do Ministerio del Interior; o videoxogo The Waylanders de Gato Studio; o estudo Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades de UNICEF España/USC/CCII, o Congreso Internacional de Animación, Efecto Visuales y Nuevos Media Mundos Digitales no seu 20 aniversario; e a compañía TRISON; a plataforma IT4Ukrainians.com; a Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia; os programas #IMPACT da Fundación GoodJob; a rede Dinapsis de Viaqua; e o grupo SING.
O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.