O CPEIG celebra dez anos de andaina a prol da profesión e da nosa terra nas TI

xoves, 23 de febreiro do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) está de celebración. Máis polo miúdo, atópase argallando xa o festexos dos seus dez anos de actividade, nas súas palabras “unha década de traballo en defensa da profesión e ao servizo das persoas colexiadas e da Sociedade da Información”. A maiores, dende Código Cero engadiríamos dúas importantes contribucións máis. Por unha banda, a de ter impulsado, a través de múltiples frontes e accións, o afianzamento da nosa terra nos escenarios dixitais. E, pola outra, o incansábel labor da entidade que preside Fernando Suárez en contra de calquera tipo de fenda dixital ou discriminación tecnolóxica por xénero, idade ou procedencia.
Co fin de celebrar estes dez anos como se merecen, o CPEIG vén de constituír unha comisión para o deseño e posta en marcha das iniciativas do décimo aniversario, este 2017. Segundo informa as vindeiras semanas esta comisión difundirá as propostas de consenso, labor para o que pide a colaboración das colexiadas e colexiados, que poden achegar as súas suxestións a través do correo electrónico informacion@cpeig.gal.
Como lembraremos, o CPEIG está constituído por 350 profesionais. Trátase, polo tanto, dun dos colexios con maior “éxito de colexiación” entre todas as entidades autonómicas que dan acubillo aos profesionais da informática a nivel estatal. O CPEIG, que ten un lugar destacado no Consello estatal de Colexios de Enxeñeiros en Informática (o CCII, no que ocupa a vicepresidencia desde a creación deste órgano), foi creado en 2007 para facilitar o traballo dos nosos profesionais en materia de ordenamento e regulación do ámbito da Enxeñaría en Informática.

Participantes na celebración da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Entre os seus moitos fitos, o CPEIG salienta o logro da modificación dun proceso selectivo da Deputación da Coruña para técnico superior de Informática, un cambio producido despois de presentar a entidade profesional o oportuno recurso e que supuxo cambiar o requisito de acceso, de xeito que a única titulación válida fose o título de enxeñeira ou enxeñeiro en Informática. “Ao longo desta década de traballo”, engade o colexio, “foron numerosas as conversas con deputados, concellos e a Xunta de Galicia para acadar a igualdade de acceso dos titulados ás convocatorias públicas”. A entidade tamén recorda que cada ano celebra a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, evento de referencia do sector TIC en Galicia no que se unen a defensa e a celebración da profesión.
Por outra banda, tamén é de destacar o seu esforzo por ampliar ao máximo as comunicacións coas tres universidades galegas e coa Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e coa Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA), ás que asesora a través da súa participación en distintos comités. O CPEIG tamén quere pór de relevo as súas relacións coa Administración pública, tanto galega (AMTEGA, Consellería de Educación, Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral de Igualdade e departamento de Industria do Goberno galego) como provincial (convenio coa Deputación de Ourense para asesorar nos proxectos de Provincia Intelixente e colaboración co programa SmartPEME de Pontevedra, coa que está pendente de asinar outro acordo) e concellos de toda Galicia.
Ademais, como sinalamos a comezo, tamén é merecedor de louvanza o labor dos nosos enxeñeiros en Informática en materia de loita contra a fenda dixital. Ao acubillo deste compromiso a prol dunha Sociedade da Información inclusiva, o CPEIG puxo en marcha unha serie de iniciativas que detallamos a continuación.
En relación ao colectivo feminino, destaca a aplicación para mulleres vítimas da violencia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade; o fornecemento de cursos a través de Rede Emprende en Igualdade, tamén en colaboración coa Xunta; a creación do Premio Ada Byron para recoñecer o traballo das mulleres informáticas, ou a constitución da Comisión de Igualdade, de funcionamento interno do Colexio.
En canto aos maiores, os colexiados imparten cursos de alfabetización e capacitación. En relación ás persoas con discapacidade, o CPEIG colabora coa asociación Down Compostela e Fundación Mapfre. Ademais, dentro dos seus galardóns anuais, creou o Premio eInclusión para recoñecer aquelas iniciativas tecnolóxicas a prol das persoas con diversidade funcional.
Por outra banda, son de gran importancia divulgativa, tamén, as iniciativas Navega con Rumbo, Rapaciñ@s e Programación nas Escolas, desenvolvidas todas elas coa vista posta na nenez e na mocidade, ás que cómpre engadir un plan piloto impulsado no Centro Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, con clases de programación e robótica para as nenas e nenos enfermos.

PUBLICIDADE