O CPEIG distingue co premio eInclusión o servizo de teleasistencia avanzada da Cruz Vermella

mércores, 24 de maio do 2017 Redacción

Presentación do servizo de teleasistencia na sede de Televés/Imaxe de Luis Fraga vista no seu blog

O Colexio Profesional de Enxeñaría Informática deu a coñecer a entidade que vai ser recoñecida este ano co seu premio eInclusión, un galardón solidario co que se quere facer ver e distinguir os meirandes esforzos por mellorar a calidade de vida das persoas en risco de exclusión a través das novas tecnoloxías da información. O premio, que se entregará o vindeiro 16 de xuño no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra novamente en Compostela. Segundo informou hoxe o CPEIG, o premio eInclusión recoñece este ano o labor da Cruz Vermella.
Máis polo miúdo, distínguese o seu servizo de teleasistencia avanzada para persoas maiores ou dependentes. Este proxecto foi impulsado pola Cruz Vermella co apoio técnico de Televés. Segundo nos lembra o CPEIG, está implantado de xeito pioneiro en Galicia grazas ao financiamento da Xunta. O premio a esta iniciativa foi froito dunha decisión unánime do xurado, composto por membros da xunta de goberno do colexio profesional.
Segundo engade o CPEIG, o servizo da Cruz Vermella está baseado nunha plataforma de recursos dirixidos ás persoas maiores ou con dependencia para impulsar o seu benestar e mellorar a súa autonomía e saúde. Ten como obxectivo fundamental o coidado e a mellora da calidade de vida das persoas desde a perspectiva do fomento do avellentamento activo e saudábel. “Trátase”, explica o colexio, “dunha iniciativa que por primeira vez integra conxuntamente a funcionalidade da teleasistencia convencional con capacidades de monitoraxe avanzada”. Ademais, funciona as 24 horas do día os 365 días do ano e “permite facer un seguimento do estado e comportamento dos usuarios e usuarias, así como actuar ante calquera emerxencia sempre que sexa necesario”.
Respecto da súa operatividade e das metodoloxías empregadas, a teleasistencia avanzada funciona mediante o emprego dunha pasarela intelixente que, a través dunha rede de sensores, permite o seguimento da rutina vital do usuario na vivenda.
Entre as súas principais vantaxes, o CPEIG enxalza as seguintes: permitir a prevención de riscos no fogar, garantir a seguridade e ter un mellor coñecemento das pautas de vida da persoa para detectar cambios nos seus hábitos que indiquen un posíbel empeoramento do seu estado cognitivo. Asemade, engade o colexio que preside Fernando Suárez, fornece aos coidadores de acceso a unha plataforma de telecoidado para coñecer o estado dos seus familiares.

PUBLICIDADE