O CPEIG e a Xunta levarán o programa Navega con Rumbo a 240 centros de ensino

martes, 14 de marzo do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia asinaron este 14 de marzo un convenio de colaboración para a realización de actividades de difusión e formación do programa Navega con rumbo. Trátase dunha iniciativa para promover o uso responsábel e seguro das novas tecnoloxías que nesta nova edición chegará ao alumnado de 240 centros educativos da comunidade (ao abeiro da Estratexia de Educación Dixital 2030 da Administración autonómica). O acordo foi asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.
Fernando Suárez agradeceu á Consellería esta colaboración un ano máis, que cualificou como “unhas das accións máis bonitas que o CPEIG ten emprendido” e que xa foi distinguida pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) co Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores.
O presidente do CPEIG explicou que, ademais, existen estudos como o de UNICEF España coa Universidade de Santiago (USC) e o Consejo de Colegios de Ingeniería Informática (CCII), Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, que evidencian a necesidade de accións do tipo de Navega con Rumbo, destinadas a cubrir as necesidades educativas en seguridade en Internet. “Desde o CPEIG queremos ser un foro aberto, un lugar de referencia para atender as dúbidas tecnolóxicas da comunidade educativa”, engadiu Suárez.
Navega con rumbo chega á súa undécima edición cos seguintes obxectivos renovados e fortalecidos: guiar aos estudantes cara a unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede; e achegar recursos a profesorado e familias para facelos partícipes das recomendacións que poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.
O CPEIG realizará charlas de concienciacións, destinadas a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) de 5º e 6º curso de educación primaria, 1º curso da ESO e 1º curso de ciclos de formación profesional de grao básico dos centros seleccionados pola Consellería. Organizaranse 240 xornadas, dunha hora de duración, durante o curso escolar 2022-2023, que impartirán especialistas do CPEIG.
O Colexio desenvolverá unha nova web asociada ao proxecto na que se porá a disposición información de interese para a comunidade educativa á que está dirixida este programa. O CPEIG elaborará tamén unha Guía de Boas Prácticas en Internet para alumnado, profesorado e familias que estará dispoñíbel en soporte dixital e distribuirase, en formato impreso, nos centros educativos.
Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con Rumbo leváronse a cabo máis de 2.000 accións formativas.

PUBLICIDADE