O CPETIG participa no desenvolvemento do consello de colexios de Enxeñería Técnica en Informática

luns, 18 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Os profesionais galegos do eido TIC están a participar estes días en diversas accións a nivel estatal en beneficio do fortalecemento e dignificación do seu eido laboral. Se hai uns días falabamos dos traballos en Madrid do CPEIG, agora toca falar do seu órgano irmán na nosa terra, o CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia), quen tomou parte activa este sábado 16 na creación do equipo de traballo que velará polo regulamento da entidade estatal que representa aos colexios achegados polas comunidades. A xuntanza para a constitución desta Comisión Xestora do Consello de Colexios de Enxeñería Técnica en Informática de España tivo lugar en Madrid este sábado 16 de xaneiro. Esta Comisión, informa o colexio galego, terá como finalidade elaborar uns estatutos provisionais reguladores dos órganos de goberno do Consello.
A Comisión contará coa presenza activa de Marcos Mata Mansilla, actual voceiro da xunta de goberno é único aspirante á presidencia do Colexio no proceso electoral que arestora se está a vivir no CPETIG e que rematará este sábado 23 de xaneiro.
Na formalización deste equipo de traballo concorreron, amais do galego, os colexios de Asturias, Catalunya, Castela A Mancha, Andalucía e Galicia. Pola contra, non puideron asistir á xuntanza de maneira directa as entidades de Canarias, Valencia e Balears (aínda que delegaron o seu voto).
O Consello de Colexios, informa o CPETIG, é unha corporación de dereito público que se relacionará coa Administración Xeral do Estado a través do Ministerio de Industria e terá presenza no Consello Asesor das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
”Con este paso”, engade o colexio galego, “cada día estamos máis preto de normalizar a nosa profesión, sendo o noso gran obxectivo o progreso da sociedade dixital emerxente e un futuro mellor cheo de grandes posibilidades”.

PUBLICIDADE