O CPETIG súmase á defensa da Enxeñaría Técnica en Informática ante o anteproxecto de Lei de Servizos Profesionais
mércores, 16 de xaneiro do 2013
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) vén
de sumarse á defensa da profesión realizada pola Xunta de Goberno do Consello
Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática (CONCITI), organismo presidido
polo galego Marcos Mata, co gallo do coñecemento das liñas mestras do
Anteproxecto de Lei de Servizos Profesionais elaborado polo Ministerio de
Economía e Competitividade.
No comunicado do CONCITI, ao que súmase o CPETIG, afírmase que “o CONCITI é consciente e está preocupado
pola actual situación da Enxeñaría Técnica en Informática no noso país. Que a
importancia que cobra cada día a Informática na nosa sociedade e a necesidade
de ordenar a profesión para garantir a protección da sociedade e un crecemento
económico baseado na tecnoloxía é unha máxima para nós, polo que traballaremos
para que se nos recoñeza en igualdade de condicións ao resto de Enxeñeiros
Técnicos, solicitando a nosa inclusión nos grupos de traballo do citado
borrador de anteproxecto”.
Neste mesmo comunicado
sinálase que “tendo en conta o marco que
se abre con esta reforma, estase xa en contacto co resto de actores implicados,
Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática (CCII),
Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Informática (CODDII) e Reunión
de Estudantes de Enxeñarías Técnicas e Superiores en Informática (RITSI) para
demandar un trato xusto e ecuánime co resto de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos
e por tanto un recoñecemento explícito ás profesións de Enxeñeiro Técnico en
Informática e Enxeñeiro en Informática e para elo expor as accións que se crean
oportunas co obxectivo de acadar os fins propostos”.