O CPXG mostrará as posibilidades de Excel na profesión xornalística

xoves, 11 de abril do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia anuncia a súa oferta formativa para os meses de primavera, que consta dos seminarios en liña Excel para xornalistas: aprende a interrogar follas de cálculo para atopar historias, impartido por Miguel Rodríguez Fernández (27 de abril) e Como comunicar cambio climático con éxito, por María García de la Fuente (25 de maio).
Os cursos realizaranse en sábado, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación en liña do CPXG, e pode asistirse a eles tamén de maneira diferida. A inscrición está xa aberta e remata o xoves 25 de abril para o primeiro dos webinars, e o 23 de maio para o segundo.
 O sábado 27 de abril celebrarase o curso de Excel, unha introdución a este programa para xornalistas interesados en mellorar as súas competencias na análise de datos. A finalidade do curso, segundo informa a organización, é “dar un coñecemento básico da lóxica de Excel e das aplicacións máis útiles para o traballo xornalístico, desde simples cálculos de medias ou variacións porcentuais até a fusión de dúas follas cálculo, a limpeza de táboas de datos ou o manexo de táboas dinámicas”. O webinar será impartilo Miguel Rodríguez Fernández, licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff. Tras unha carreira en distintos medios galegos e estatais, traballou como xornalista de datos na Press Association e desde 2019 é Editor de Datos en ICIS, publicación internacional especializada na cobertura de mercados enerxéticos e petroquímicos.
Pola súa banda, Como comunicar cambio climático con éxito analiza todas as mudanzas que se produciron na comunicación ambiental e do cambio climático ao longo dos últimos anos e cales son agora as claves do éxito deste tipo de informacións. Mostraranse exemplos de boas prácticas a seguir, afondarase nas temáticas ambientais e coñeceranse as principais fontes informativas do xornalismo ambiental. A formación está a cargo de María García de la Fuente, licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid. Exerce o xornalismo ambiental desde hai 25 anos, primeiro en Europa Press e despois de oito anos, como parte do equipo fundacional de Público, na sección de Ciencias. Traballou tamén no Gabinete de prensa do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, e actualmente é a presidenta da Asociación de Periodistas de Información Ambiental.

PUBLICIDADE