O Campus de Ferrol acolle os días vindeiros un curso sobre Adobe Photoshop
xoves, 22 de abril do 2010
A fotografía, agora que se impón a tecnoloxía dixital (ficando para seareiros dos líquidos e as cubetas os procedementos analóxicos), é un eido profesional de amplo desenvolvemento. E máis se temos en conta o moito que se apoia a Rede nela: case coma se do seu alicerce básico se tratase. Na liña de achegar información sobre os métodos de acceder á fotografía e dentro do seu programa formativo sobre este punto, a Área de Cultura do Campus de Ferrol organiza un curso de Adobe Photoshop. A actividade, que será impartida polo fotógrafo Fran Nieto, terá as seguintes datas de celebración: desde o 26 de abril ata o 17 de xuño, os luns, de 19:00 a 21:00 horas e os xoves, de 19:00 a 20:30 horas, na aula 2.1 do Edificio de Apoio ao Estudo do campus de Ferrol, en Esteiro.
Os interesados poden formalizar a súa matrícula na oficina da Área de Cultura de Ferrol, no primeiro andar do Edificio de Apoio ao Estudo de Esteiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prezo é de 40 euros para a comunidade universitaria e de 50 euros para o público xeral. O curso ten unha duración de 30 horas e solicitaranse créditos de libre configuración. Alén disto, informa a Universidade da Coruña, e tamén dentro da programación de fotografía, o fotógrafo Fran Nieto ofrecerá unha conferencia sobre Fotografía de paisaxe, natureza e macrofotografía, o vindeiro martes, día 27 de abril, ás 17:00 horas no Salón de Actos do campus de Ferrol.
