O Campus de Ourense amosou como debe ser un destino turístico smart
luns, 23 de novembro do 2015
O pasado venres
celebrouse na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus
de Ourense unha conferencia sobre as novas formas que está adoptar o
sector turístico ao abeiro do espallamento das novas ferramentas
tecnolóxico-sociais. A
sesión veu da man do decano da Facultade de Turismo da Universidade
de Málaga, Antono Jesús Guevara, que amosou en detalle estes
novos modelos de xestión “nos que as novas tecnoloxías da
información mudan nunha ferramenta fundamental”.
Presentado por José
Antonio Fraiz, director do Máster Universitario en Dirección e
Planificación do Turismo Interior e de Saúde, Guevara Plaza
explicou aos asistentes á conferencia “a arquitectura e os
procedementos que desde un punto de vista tecnolóxicos debe ter un
sistema de xestión de destino intelixente, xa sexa dunha cidade ou
dunha zona”. Estes sistemas, dixo, “deben integrar un sistema
territorial e turístico integrado, poñendo en comunicación a todas
as empresas, produtos e actividades e a todos os potenciais turistas
con esta oferta”. E engadiu: “A cuestión fundamental é que
estamos ante un cambio de modelo na comercialización turística a
través de Internet”, apuntou.
Sobre como deben ser
estas propostas turísticas smart, Guevara subliñou que unha
web desta índole constitúe un escaparate para un destino ou unha
empresa turística “pero ten que ter detrás de si un sistema de
xestión que integre toda a información e servizos dun xeito
intercomunicado, non estanco”. Como exemplo do desenvolvemento,
implantanción e éxito deste tipo de xestión, o docente expuxo aos
asistentes o caso de Qualifica, un proxecto desenvolvido na zona da
Costa do Sol no que participan o Goberno central, o andaluz e os
concellos da zona e que permite a calquera usuario planificar e
xestionar todos os detalles da súa viaxe por ese enclave.
A
longo da súa estadía no Campus o profesor tivo tempo para dar conta
dos estudos turísticos que se imparten na Facultade de Ciencias
Empresariais e Turismo, especialmente para o Máster Universitario en
Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde do que,
salientou, “é un referente estatal” en turismo de interior e de
saúde, destacando a súa participación na Rede Intur.
