O Centro Tecnolóxico Gradiant abre nova sede na Coruña

venres, 22 de marzo do 2024 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant, referente estatal en desenvolvemento tecnolóxico e transferencia, con máis de 200 persoas dedicadas á innovación no ámbito das TIC, establécese na Coruña co obxectivo de seguir reforzando o ecosistema galego de innovación e o tecido empresarial da cidade. As novas oficinas súmanse ás de Vigo sendo a previsión que estean operativas neste mes de abril, formando parte da contorna dixital Hi, ecosistema de incubación tecnolóxica situado no centro da Coruña.
Fernando Jiménez, xerente de Gradiant, sinalou que “a localización elixida permitiranos ter unha maior proximidade ao tecido empresarial e institucional do centro e norte de Galicia; moitos dos nosos clientes están aquí e tiñamos pendente establecernos nesta cidade, capital das TIC, onde as sinerxías son inevitables e imprescindíbeis”. Destacou os seus 15 anos de historia e a súa capacidade para “xerar novo tecido empresarial a partir das súas tecnoloxías”. Así, recordou que en 2024 Gradiant puxo en marcha a súa terceira spin-off, unha nova firma innovadora que está xa creando por si mesma empregos de profesionais de alta tecnoloxía.
Gradiant é unha institución privada coa participación das 3 universidades e as empresas máis representativas de Galicia no ámbito tecnolóxico, que achega as súas tecnoloxías de Intelixencia Artificial, ciberseguridade e sistemas de comunicacións a sectores tan diversos como a saúde, a industria ou a defensa.

PUBLICIDADE