O Centro de Ciberseguridade Industrial achéganos á realidade actual da protección TIC das empresas

mércores, 22 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

En setembro toca falar de moitas cousas tecnolóxico-dixitais pero, sobre todo, toca falar de protección de datos, internautas, empresas, servidores e infraestruturas en xeral. A visión máis empresarial da cuestión virá da man do Centro de Ciberseguridade Industrial, que celebra o día 20 de setembro, en Vigo, o seu primeiro encontro La Voz de la Industria. A cita será no Hotel Pazo Los Escudos.
Na sesión, encamiñada á industria galega, presentaranse os resultados preliminares do estudo sobre a ciberseguridade na industria de Galicia. Ademais, no que atinxe ao programa de participantes, estará presente un amplo equipo profesional de expertos en protección tecnolóxica, amais de representantes dalgunhas das principais empresas con actividade no mercado estatal e internacional, en palabras da organización da xornada, “os principais actores do mercado da ciberseguridade industrial”. Máis en detalle, participan Innotec System, S12Sec, Palo Alto Networks, Cisco, Dimension Data, Eulen ou Intermark.
A sesión incluirá tamén a participación da axencia galega AMTEGA, que dará a coñecer algunhas iniciativas en ciberseguridade que se están a impulsar na actualidade. Para consultar máis información e facer o rexistro de asistencia cómpre visitar a páxina web do Centro de Ciberseguridade Industrial.