O Clúster de Turismo pon en marcha a web para converternos en presumidores de Galicia

xoves, 4 de agosto do 2016 Redacción

O Clúster Turismo de Galicia vén de lanzar unha iniciativa de promoción da nosa terra que ten unha vertente claramente tecnolóxico-dixital. Trátase da páxina web e da aplicación de Presume Galicia, desenvolvidas para amosar (ante o mundo) a nosa terra “a partir das achegas de centenares de experiencias en primeira persoa de galegos e visitantes”. De feito, o gran alicerce da iniciativa web é a firme crenza nas posibilidades comunicativas de nós mesmos: todas e todos podemos contribuír a visualizar e potenciar a “enorme riqueza turística que atesoura a Galicia”, sinala o Clúster. Por certo que a intención non é só implicar ás galegas e aos galegos, senón tamén ás/os visitantes, co fin de convertelos en superpresumidores de Galicia.
Segundo engade o Clúster acerca da metodoloxía a seguir, “a través de fotografías fornecidas por todos os participantes, e que se irán subindo na web e webapp da comunidade Presume de Galicia, as plataformas irán nutríndose das experiencias, recunchos e espazos que nos mostran os propios usuarios desta comunidade, a través de imaxes”.
A iniciativa ten un piar básico no banco de fotografías obtido a través da comunidade de seu en Facebook. Nesta comunidade, xa afianzada, centos de persoas veñen colaborando compartindo localizacións “especiais” de visita máis que recomendábel. O espazo en liña recolle as opinións de máis trinta mil membros (os chamados presumidores), entre os que hai galegas e galegos residentes ou vivindo no estranxeiro.
“Con esta webapp”, explica o Clúster, “queremos crear un punto de encontro para namorados desta terra, no que tamén se poden atopar referencias á gastronomía ou a actividades culturais que se desenvolven no catro provincias tanto a través da webapp como nas redes sociais da comunidade, as redes Facebook, Twitter, YouTube e Instagram”.
Por certo que ademais de subir fotografías, calquera usuario poderá empregar a web para seleccionar rutas buscando, por exemplo, as mellores postas de sol ou visitas a espazos naturais especiais. Pola súa banda, aqueles que contribúan coas súas achegas fotográficas, poderán converterse tamén en presumidores subindo as súas imaxes á web ou webapp. Alí, a través de votos a xeito de aplausos virtuais, poderán optar a ducias de galardóns: aloxamentos en hoteis, degustacións gastronómicas ou trens turísticos.

PUBLICIDADE