O Concello da Coruña implica á cidadanía na transformación smart dos seus edificios públicos

xoves, 14 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña vén de abrir unha consulta coa cidadanía para determinar as súas preferencias á hora incorporar sistemas intelixentes nos edificios públicos. A iniciativa, posta en marcha pola Concellería de Rexeneración Urbana, está concibida para desenvolverse coa axuda da cidadanía en materia de suxestións e propostas en relación a diferentes eidos (mobilidade, seguridade, eficiencia enerxética, xestión, control), co fin de dar forma a un proxecto piloto que optará á convocatoria do Plan Nacional de Territorios Intelixentes (Red.es, Ministerio de Economía). A Concellería recolle as suxestións a través dunha enquisa en liña dispoñíbel na web http://coruna.gal/edifintel. O inquérito pode facerse durante todo o mes de xuño e responde á estratexia do Goberno local de “involucrar á veciñanza nos procesos municipais”.
Xiao Varela fixo fincapé “na oportunidade que supón este proxecto para a mellora dos edificios en aspectos que teñen unha grande influencia en todas as persoas que fan uso deles, como son a mellora da mobilidade, a eficiencia enerxética e a seguridade”. Ao fío disto, informou que o seu departamento está a realizar unha rolda de contactos coa Universidade da Coruña, diferentes consellerías da Xunta, ministerios, a Deputación provincial, entidades sociais e as autoridades de transporte, que xestionan os inmóbeis de nodos de comunicación como son o aeroporto, a estación de trens ou de autobuses.
Os froitos de todos estes contactos e da devandita enquisa á cidadanía incorporaranse ao documento de traballo da concellería.
Esta iniciativa insírese no plan para converter a Coruña nunha Cidade Intelixente. O plan pretende (entre outras cousas) equipar os edificios públicos da cidade, que suman case 300, de sensores que se comuniquen coa plataforma Smartcity Coruña. Os datos servirán como base de análise para levar a cabo unha xestión máis eficiente da cidade e a concreción de novos servizos para a cidadanía. Estes sensores tamén se poderían dispor no exterior dos edificios, de maneira que sirvan para a mellora da mobilidade sustentábel e das contornas dos inmóbeis.

PUBLICIDADE