O Concello da Pobra do Caramiñal presenta nova web

venres, 17 de febreiro do 2023 S. P.

A páxina web do Concello da Pobra do Caramiñal vén de estrear deseño co obxectivo de mellorar a experiencia de navegación da cidadanía, ofrecer un escaparate máis atractivo do municipio e adecuarse á identidade corporativa municipal no panorama virtual.
Así o fixo saber o Concello da Pobra na presentación do novo sitio en liña municipal, este venres 17 de febreiro, da man do alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo; a asesora de comunicación do Concello, Ana Rial; e o director de Esquío, Diego González, empresa encargada do soporte técnico.
A idea, sinalaron, foi optimizar a anterior versión da web, baseada no formato blog ou revista, para achegar un portal cunha arquitectura da información “acorde á natureza dunha administración pública”. Para acadar este obxectivo “realizouse un proceso de diagnose do que se extraeron as eivas a paliar e as fortalezas a potenciar”. Na presentación indicaron que os cambios afectan á estrutura e ao contido: gran peso do apartado visual, incremento da información, reorganización e homoxeneidade.
Todas as devanditas modificacións tiveron a finalidade de fornecer á cidadanía dunha “experiencia de navegación máis cómoda, agradable e intuitiva”, e tamén mellorar o funcionamento do sitio a nivel interno ao posibilitar unha nova distribución do contido.
Agora mesmo está operativa a páxina en galego e, nos vindeiros días, entrará en funcionamento en castelán, pois son dous portais independentes vinculados nun mesmo dominio para “evitar os erros
propios da utilización dun tradutor online sobre a matriz dun idioma”, explicaron, poñendo o foco no ámbito do posicionamento, un dos retos da nova web: “O uso de metadatos, etiquetas ou categorías fai que os motores de busca sitúen a web nun mellor lugar nos resultados e, polo tanto, máis posibilidades de que se xere tráfico online á mesma”. Para iso procedeuse a vencellar novos dominios ao principal que é www.apobra.gal, onde agora a Administración local conta cunha carta de presentación reforzada. Así mesmo, a creación de contido no sitio durante os últimos anos fixo que, hoxe en día, os buscadores ofrezan información e imaxes máis precisas e relevantes da Pobra do Caramiñal.
“En definitiva, presentamos un portal dinámico que se irá depurando e actualizando segundo sexa necesario: novas utilidades de instalacións municipais, creación de servizos, transformación de dependencias…”, indicaron na presentación a xeito de conclusión, facendo fincapé no feito de ser unha páxina “completamente renovada, moderna, eficiente e con mellores prestacións”.