O Concello de Lugo e ABANCA achegan unha aplicación para permitir o pagamento de impostos locais

martes, 9 de maio do 2017 Redacción

O Concello de Lugo segue a dar pasos en materia de Administración Electrónica. Ou sexa, a prol de permitir e impulsar que as novas tecnoloxías fagan máis doadas, fluídas e completas as comunicacións e os procedementos entre os departamentos da Administración local e a cidadanía. Nesta liña, precisamente, insírese a ferramenta que o Concello presentou este luns, xunto con ABANCA. Trátase dunha aplicación de balde destinada a facilitar entre a veciñanza o pago de impostos locais a través de smartphones e tabletas, “sen custe adicional nin para o consistorio nin para os lucenses”. A ferramenta foi dada a coñecer pola alcaldesa Lara Méndez, e tamén polo director territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez, e os directores de Banca Institucional e de Innovación da entidade financeira galega, Santiago Novoa e Eduardo Aldao, respectivamente. Segundo fixeron saber, a aplicación “permitirá ás persoas contribuíntes o pagamento de recibos, para o que soamente será necesario ter descargada esta aplicación e dispoñer dunha tarxeta de débito ou crédito”.
No acto de presentación deste novo servizo tamén estivo presente a concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto. Na sesión cos medios a rexedora salientou que a ferramenta constitúe “un avance máis no pagamento telemático, para facelo máis doado e accesíbel, e que se suma ás ferramentas de pago en liña que ofrece o Concello dende 2009”. Lara Méndez tamén aproveitou para contextualizar a aplicación, destacando que abrolla dun compromiso firme do Goberno local a prol da Administración Electrónica, un compromiso que deu como resultado a posta en marcha do proxecto Lugo Smart City, unha iniciativa beneficiada cun orzamento de 4,1 millón de euros e que se dirixe, nas súas palabras, “a converter a cidade nunha urbe intelixente e sustentábel”. Méndez tamén incidiu na importancia da colaboración público-privada para desenvolver iniciativas en beneficio da veciñanza, “como é esta aplicación”.
Segundo fixeron saber os responsábeis de ABANCA, a ferramenta foi deseñada e desenvolvida pola entidade financeira galega para dispositivos Android e iOS, baixo o nome de “Concello de Lugo”. Tamén subliñaron que a aplicación descargarase no idioma no que estea configurado o dispositivo móbil.
Santiago Novoa salientou que “con esta app, poñemos a disposición de todos os veciños e veciñas de Lugo un servizo sinxelo e áxil, dispoñíbel as 24 horas do día e os 365 días do ano, que lles evita desprazamentos e incomodidades para atender o abono dos tributos locais". Os responsábeis de ABANCA tamén destacaron que o proceso de desenvolvemento da ferramenta insírese dentro da estratexia dixital presente da entidade financeira, “coa que buscamos ofrecer aos nosos clientes o mellor servizo posíbel”.
Asemade, engadiron que a aplicación permite realizar o pagamento do recibo “en dous cómodos pasos”. Primeiro elíxese como se introducen os datos do recibo (facendo unha foto coa cámara do móbil ou tableta ao código de barras, introducindo os números do código de barras ou escribindo os datos do recibo) e, a continuación, teremos que teclear os datos da tarxeta para efectuar o pagamento. Segundo indicaron, “para axilizar a introdución da información, tanto da tarxeta como do recibo, a ferramenta permite engadilos facéndolles unha foto coa cámara do dispositivo”.
Na rolda de prensa tamén se fixo saber que a aplicación conta cun asistente que axuda ao usuario a formalizar o pagamento de recibos “guiándoo en todo o proceso”. O abono de recibos a través desta aplicación informática é gratuíto, sen ningún tipo de comisión.
Por certo que Lugo non é o único concello galego que conta con esta aplicación, xa que tamén está habilitada na Coruña e nas deputacións da Coruña e de Ourense.

PUBLICIDADE