O Concello de Santiago achega formación sobre eAdministración

xoves, 4 de marzo do 2021 Redacción

O Concello de Santiago, a través do departamento de Comercio, vai organizar un curso sobre as novas relacións de comunicación e interrelación entre a cidadanía e as entidades públicas que poñen en xogo as novas ferramentas tecnolóxicas. O curso A Administración Electrónica e a tramitación de axudas municipais en Sede Electrónica impartirase de xeito online dende o 15 ao 18 deste mes e o prazo para inscribirnos comezou este 4 de marzo, ás 15.00 horas.
Dende un enfoque práctico analizaranse todas as funcionalidades que ofrece a Sede Electrónica. O obxectivo desta formación é repasar de forma práctica todas as accións que se poden realizar a través da devandita ferramenta de eAdministración e mellorar a eficiencia e os tempos de tramitación nos seus expedientes administrativos. O curso conterá ademais cun módulo específico dedicado á tramitación de axudas municipais a través da Sede Electrónica do Concello de Santiago.
Obxectivos xerais
- Coñecer conceptos básicos que nos permitan familiarizarnos coa Sociedade da Información.
- Coñecer os principios da Administración Electrónica.
- Adquirir información dun novo marco como é a eAdministración e a súa contorna.
- Adquirir e aplicar a información sobre o desenvolvemento normativo que regula a eAdministración.
- Coñecer os conceptos básicos da normativa de subvencións públicas.
- Adquirir os coñecementos necesarios para a tramitación de axudas municipais na Sede electrónica do Concello de Santiago.
Contidos
- A Sociedade da Información e a Administración Electrónica.
- Seguridade e Cifrado.
- Certificados dixitais e DNI electrónico.
- A sinatura electrónica.
- Procedemento administrativo electrónico: As Sedes electrónicas. Acceso e Uso.
- Subvencións públicas: conceptos básicos desde unha perspectiva práctica.
- Tramitación de axudas municipais na Sede Electrónica do Concello de Santiago.
O curso desenvolverase en dúas edicións (unha en horario de mañá e outra de tarde) con 20 prazas cada unha das convocatorias.
Celebrarase os días 15, 16, 17 E 18 de marzo.
Horarios
Edición mañá: 8:30 - 11:00 horas
Edición tarde: 20:00 - 22:30 horas