O Concello de Santiago e a USC automatizan a concesión de bolsas de comedor escolar
martes, 9 de xuño do 2026
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, deu conta este martes 9 de xuño do acordo de colaboración co grupo de investigación da USC para impulsar unha experiencia piloto que simplifique o proceso de solicitude e tramitación das bolsas de comedor escolar ao tempo que reduza a fenda dixital entre a cidadanía.
O proxecto ten como obxectivo reducir en ata un 80 por cento o tempo de tramitación e evitar que as familias que teñen dereito ás axudas non as soliciten por descoñecemento ou por dificultades no procedemento.
Estes e outros datos foron achegados por María Rozas nunha rolda de prensa na que tamén participaron a investigadora principal de Armela, a catedrática de Dereito Administrativo Alba Nogueira; e o codirector do proxecto, Beltrán Puentes.
A tenenta de alcaldesa explicou que esta colaboración “permítenos ir un paso máis alá coa convocatoria das bolsas de comedor, despois de que tiveramos feito unha importante aposta orzamentaria por chegar ao maior número de familias”. Neste sentido, María Rozas lembrou que o presuposto destinado a estas axudas “pasou en 10 anos de 85.000 euros a 1,1 millóns de euros, de maneira que temos 1.900 nenos e nenas beneficiarias dunha poboación de 3.500 menores de entre 3 e 12 anos”.
Pola súa banda, Alba Nogueira explicou que a colaboración fai parte do programa de aceleración da transferencia de coñecemento en ciencias sociais da Universidade de Santiago, e pretende poñer o foco “nos atrancos burocráticos que lle afectan especialmente ás persoas en situación de vulnerabilidade”.
Sinalaron que o proxecto Axudas a un click xorde como resposta ao incremento da fenda dixital, especialmente para as persoas en situación de vulnerabilidade, e diante da necesidade de corrixir o fenómeno non take up polo que as persoas que poden ser beneficiarias de certas políticas non chegan a canalizar as súas solicitudes, ben por descoñecemento ou ben por un exceso de burocracia.
Fronte a iso, o traballo que vai desenvolver o grupo de investigación Armela trata de reverter o procedemento habitual, de maneira que o Concello sería proactivo para identificar de oficio ás familias potencialmente beneficiarias das bolsas de comedor escolar, material e actividades; e as familias terían que aceptar a axuda e non solicitala. Ao tempo, eliminaríase o exceso de tramitación, xa que a Administración utilizaría unha plataforma de intermediación de datos para acceder a documentos que xa posúe e que non sexan as familias as que teñan que achegalos coa súa solicitude.
Trátase, tal e como explicou a concelleira María Rozas, “de ter unha Administración proactiva, de seguir un modelo similar ao do borrador da declaración da renda, que os contribuíntes só teñen que aceptar ou modificar”. En palabras de Alba Nogueira, “daráselle a volta ao procedemento para que sexa a administración a que lle pregunte á cidadanía se quere seguir solicitando as axudas ás que xa optou nalgunha ocasión, e non a cidadanía a que teña que iniciar o proceso”.
No proxecto collerán corpo tres innovadoras aplicacións: a solicitude proactiva con precarga automática dos datos do padrón e da información tributaria; a supresión da carga documental mediante a plataforma de intermediación de datos e validación automática co centro escolar e, por último, o redeseño integral do procedemento administrativo para que sexa fácilmente realizable desde o teléfono móbil, con apoio presencial.
A previsión do grupo de investigación Armela é que este proxecto permita a redución do 80% no tempo medio de tramitación das bolsas, o que implica tamén unha optimización dos recursos humanos municipais. Do mesmo xeito, poderase garantir que a convocatoria chega a todas as familias que o precisan, que aforrarán ademais en tempo e desprazamentos para a obtención de copias documentais
No proxecto de Armela, ademais da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, tamén colabora a Federación de ANPAS Compostela, como entidade representativa das familias con nenos e nenas en idade escolar.
