O Concello de Vigo celebra o Día da Muller e da Nena na Ciencia con actividades no Verbum

venres, 3 de febreiro do 2023 S. P.

O Verbum de Vigo volve ser o lugar elixido polo Concello para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia (11 de febreiro). Coa finalidade de “achegar ás máis pequenas ao ámbito científico”, organizaranse o día 10 de febreiro relatorios e obradoiros científico-tecnolóxicos. Lembrar que o Verbum é un museo interactivo próximo á praia de Samil que permite experimentar e coñecer, a través de xogos, todo o relacionado coas linguaxes, os idiomas, as palabras, as letras, os sons e os signos.
O alcalde Abel Caballero avanzou a primeira das accións será un relatorio show científico baixo o título Nina hoxe é científica, a cargo de Patricia Barciela (doutora en ciencias biolóxicas), que levará a cabo varias experiencias científicas espectaculares. Ademais, incorporaranse estratexias para alentar ás nenas a tomarlle o gusto á ciencia e á tecnoloxía.
Tal e como detallou, tamén se organizarán obradoiro científico-tecnolóxicos para alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO. En total, serán 160 os estudantes participantes neste programa formativo.

PUBLICIDADE