O Consello Reitor da AXEGA aborda os seus avances tecnolóxicos

martes, 30 de xuño do 2026 Redacción

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu esta mañá a sesión ordinaria do Consello Reitor da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), na que se analizaron a memoria e as contas anuais correspondentes a 2025, ademais das principais actuacións levadas a cabo durante o primeiro semestre deste ano. Na reunión, na que tamén participou o xerente da AXEGA, Marcos Araújo, púxose en valor o labor desenvolvido pola Axencia tanto na modernización tecnolóxica como na cooperación con organismos nacionais e internacionais.
A atención á cidadanía rexistrou máis de 841.100 chamadas, unha cifra inferior ao máis dun millón de contactos telefónicos alcanzados en anos anteriores, o que reflicte unha optimización dos recursos e unha mellora da xestión operativa. Ao mesmo tempo, o incremento do 3,2 % nas incidencias xestionadas confirma que a actividade do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia continúa canalizándose de forma eficiente.
Ao longo de 2025 completouse a integración telemática da aplicación de xestión da Garda Civil de Tráfico coa plataforma Gemma do CIAE 112, eliminando chamadas telefónicas internas e reducindo os tempos de tramitación das incidencias.

Melloras tecnolóxicas esenciais

A AXEGA levou a cabo o maior investimento desde o traslado do CIAE á Estrada en 2017 coa renovación integral da infraestrutura de servidores e da electrónica de rede, tanto no centro principal como no de respaldo situado en San Marcos. Está previsto que os novos sistemas estean plenamente operativos durante 2026, o que permitirá aumentar a capacidade, reforzar a seguridade e mellorar a resiliencia da infraestrutura.
A transformación dixital tamén reforza a posición da AXEGA como referente na aplicación da intelixencia artificial á xestión das emerxencias grazas á súa participación, xunto coa AMTEGA e o CITIC da Universidade da Coruña, no único proxecto piloto da Administración pública española seleccionado no Sandbox-IA promovido pola Comisión Europea. O proxecto está centrado na análise de futuras capacidades, como o recoñecemento de idiomas ou a asistencia aos xestores na transcrición das comunicacións de emerxencia.