O Consello da Cultura Galega dixitaliza o legado americano de Francisco Fernández del Riego

venres, 10 de xaneiro do 2014 Redacción

O Consello da Cultura Galega prosegue co seu labor de preservación do noso patrimonio a través das novas tecnoloxías, un xeito (tamén) de universalizalo. O resultado da máis recente destas tarefas deuno a coñecer o CCG este xoves pola mañá na súa web, onde publicou o especial Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América, a través do que se avalía o percorrido vital e cultural do galeguista e as súas relacións con outros representantes da nosa cultura no exterior. Os traballos, ademais, dixitalizan bota parte da obra que Fernández del Riego publicou en revistas americanas.
Os traballos desenvolvidos polo CCG, que tiraron proveito dos fondos do Arquivo da Emigración Galega e do Arquivo Sonoro de Galicia, foron desenvolvidos co gallo do centenario do nacemento do polígrafo vigués, permite explorar case trescentos artigos que Fernández del Riego publicou en máis de vinte publicacións promovidas por sociedades de emigrantes en América. Segundo engade o Consello da Cultura, esta achega de dixitalización presentada esta semana incorpora unha liña do tempo que ilustra as relacións entre Del Riego e a diáspora, “no que se poden escoitar fragmentos dos seus discursos de homenaxe a senlleiras figuras galegas durante a visita especial que realizou a Bos Aires no ano de 1954, das que o CCG preserva gravacións no Arquivo Sonoro de Galicia”.